Emilio Cao, o apóstolo da arpa en Galicia

Javier Becerra
JAVIER BECERRA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Emilio Cao durante unha actuación en Carballo no ano 2005.
Emilio Cao durante unha actuación en Carballo no ano 2005. ANA GARCIA

En 1977 abriu o camiño celta para Milladoiro, Luar na Lubre e Carlos Núñez. Morreu onte aos 72 anos

26 may 2025 . Actualizado a las 19:45 h.

Foi unha casualidade que discorreu da man do afán aventureiro e a curiosidade intrínseca do artista. E tivo unha transcendencia total na música galega. Emilio Cao, un músico que, segundo dicía ás veces nas entrevistas, se consideraba máis próximo ao pop e ao rock có folk no persoal, viu unha arpa nunha tenda de instrumentos de segunda man da Coruña. «Viña de facer un concerto de rock cos cartos no peto e gasteinos aí», lembraba nunha entrevista neste xornal no ano 2003. «Os primeiros días dediqueime a mirar para ela porque me fascinaba a súa estética —continuaba—. Empecei a tocala de maneira totalmente autodidacta. Ata despois de que o meu primeiro disco estivo editado nunca escoitei en directo outra arpa».

Aquel álbum de debut, Fonte do Araño (1977), erixiuse como o primeiro grande estandarte da música celta en Galicia. De pronto, o que se facía aquí quedaba conectado cos sons irmáns de Irlanda, Escocia, Gales ou Bretaña. De alí era Alan Stivell, pioneiro do revival celta europeo, con quen Cao mantiña unha amizade que o marcaría artisticamente. Igualmente, tiña relación coa arpista galesa Elsie Thomas de Swansea. Desas ligazóns nacía un son e unha maneira de enfocar a música galega que influiría logo nos músicos de Milladoiro, Luar na Lubre ou en Carlos Núñez. De feito, moitos destes artistas colaborarían con el ao longo da súa traxectoria. Ou sería Cao quen aparecería nos seus traballos en calidade de pioneiro.

Antes, Cao estivera enrolado en formacións como NHU e Brétema. O seu contacto coa música tradicional galega chegaría da man de Benedicto García Villar, do colectivo Voces Ceibes. Pola senda celta encontrou un espazo de síntese, do que chegou a distanciarse por un tempo porque consideraba que o limitaba («a música celta con cadra comigo», dicía en 1989). Despois daquel debut virían outros traballos, como A lenda da pedra (1979) e No manto da auga (1981). En Amiga alba e delgada (1986) iniciaría a súa conexión coa poesía galega. Neste disco musicou versos de Rosalía de Castro e de Uxío Novoneyra. En Cartas mariñas (1992) rendeu tributo a un dos seus escritores fetiche: Manuel Antonio. «Sempre estaba lendo e relendo De catro a catro, que foi o meu libro de cabeceira nas miñas viaxes. Aínda que a súa métrica é moi difícil, acabei tendo un feixe de cancións del», explicou en 2003.

A vinculación coa literatura manteríase en Sinbad en Galicia (1996). Non utilizou os textos de Álvaro Cunqueiro, pero si acudiu a Si o vello Sinbad volvese ás illas, as memorias do mariñeiro. Na cuberta do disco, pódese ver a Cao sentado nunha cadeira na praia mirando ao mar coa súa arpa detrás. É unha das fotografías más icónicas do músico. O álbum reeditouse no ano 2003 na colección Son de Galicia que lanzou La Voz.

En paralelo a toda esa produción discográfica, desenvolveu un extenso traballo compoñendo para o audiovisual, o teatro e a danza contemporánea. Tamén, ligado ás súas raíces rock, foi obxecto a mediados dos oitenta dunha homenaxe do grupo Siniestro Total. Tomando o tema David Watts de The Kinks, os de Vigo cámbianlle a letra para cantar versos como: «Yo quiero ser Emilio Cao / tocar el arpa en el Caurel / y ser tan guapo como él / y tocar con Alan Stivell». Foi un de tantos recoñecementos acadados na súa carreira. De feito, no ano 2024 foi galardoado co premio honorífico dos Martín Códax da Música, onde se destacou o seu traballo para a recuperación da arpa celta. Aquel instrumento que trouxo desde a Idade Media á época contemporánea tras velo nun escaparate chamando a súa atención.