
Nunca é o momento adecuado para recibir a triste nova do pasamento dun referente musical, como para min o foi a figura de Emilio Cao. Pero, se me teñen que dar semellante comunicación, que me colla tocando. E así foi como me chegou onte, dende este xornal, da man do prezado Javier Becerra. Estabamos ensaiando para os vindeiros concertos cando vin a triste nova no móbil, e así llela comuniquei tamén ao resto do grupo. Houbo un silencio de incredulidade e tristura. Ninguén o esperaba, aínda que eu tiña algunha información a maiores: faláramos por teléfono non había moitos días. O propio Emilio comunicoume o seu momento delicado de saúde, mais non cheguei a intuír a gravidade do seu estado. Incluso me suxeriu que cando fose a Compostela pasase a visitalo. Emilio foi un visionario adiantado ao seu tempo, un home que por circunstancias case que podemos dicir que sobrenaturais, sacou un traballo discográfico que moveu os cimentos da nosa cultura nun eido tan importante como é o da música. Un cúmulo de casualidades marabillosas converteron a Emilio Cao nesa persoa que abriu a espita da chamada música celta en Galicia sen ser, probablemente, especialmente consciente desta cuestión.
Contou tamén coa complicidade doutro grande: o inesquecible Nonito Pereira. Detrás da súa estela veu o resto coma un chorro incontido de paixón intercéltica, e aí tamén estabamos nós. Compartín con Emilio momentos entrañables, debatemos de músicas, e particularmente da denominada celta. El, de xeito chistoso, sempre se refería a min como o seu discípulo; pero, alén das brincadeiras, eu si fun un grande admirador da súa obra, que atesouro cun grande orgullo e respecto. Emilio ten viaxado con nós nalgunha ocasión para participar nalgún concerto, e incluso gravou algún tema da nosa discografía. Estivo na miña casa compartindo mesa, mantel e conversa en varias ocasións.
Dende o ano 2016, o seu tema Fonte do Araño, título do seu primeiro traballo discográfico que foi prologado polo gran bardo bretón Alan Stivell, é a canción que abre os nosos concertos alá onde vaiamos a modo de sentida homenaxe por todo o exposto anteriormente. Emilio foi un visionario na música galega, e a súa estela perdurará mentres o tempo siga fiando un pano longo e gris enriba de nós. Que a terra che sexa leve, prezado mestre!