Interrompen o concerto de Myke Towers en Madrid por superar o nivel de son permitido
CULTURA

A dirección do Movistar Area activou o protocolo establecido e acendeu as luces do recinto para que os músicos baixasen o volume. O artista portorriqueño actúa mañá na Coruña
22 may 2025 . Actualizado á 09:27 h.A dirección do recinto Movistar Area de Madrid interrompeu onte á noite o concerto do cantante portorriqueño Myke Towers ao superar o nivel de son permitido para non afectar a veciñanza da zona, segundo informou a empresa nun comunicado enviado aos medios.
A dirección activou o protocolo establecido para estes casos e, durante algúns segundos, acendeu as luces do recinto como advertencia de que se persistía o incumprimento dos límites de emisión de son poderíase chegar a impedir a continuidade do concerto. Os avisos serviron para facer cumprir os límites e que o resto do concerto puidese transcorrer con total normalidade, sen que os seguidores advertisen o que estaba a ocorrer, destacou o Movistar Area. O cantante portorriqueño actúa mañá no Coliseum da Coruña.
A empresa que xestiona o recinto explicou que tomou a decisión de intervir «polo reiterado incumprimento do equipo técnico do artista, que xa superou amplamente o límite de 102 decibeis, ata a banda de 100 Hz que comprenden os subgraves», no primeiro dos seus concertos sobre este escenario, celebrado o martes, «podendo provocar molestias nos veciños máis próximos».
Este protocolo é unha das medidas que o Movistar Area implantou para minimizar o efecto da súa actividade na contorna, e tamén estableceu un horario de finalización dos eventos cara ás 23:00 horas, e ata as 00:30 horas en fins de semana.