Achan por casualidade o busto roubado da tumba de Jim Morrison hai case 40 anos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Prefectura de París

A Policía de París atopouse a escultura durante o rexistro do domicilio dun directivo investigado por falsifación de documentos

21 may 2025 . Actualizado á 08:23 h.

O busto do cantante Jim Morrison, que foi roubado hai 37 anos do famoso cemiterio parisiense de Père Lachaise, foi atopado por accidente nun rexistro policial durante unha investigación por fraude. A Prefectura de Policía de París anunciou en redes sociais o achado da escultura, realizada polo croata Mladen Mikulin, e que foi roubada de noite sen pistas sobre os seus autores en 1988.

Morrison, cantante e figura de referencia do grupo The Doors, morreu en París en 1971 e, aínda que oficialmente o seu falecemento foi por un fallo cardíaco, no seu apartamento da rúa Beautreillis varias testemuñas apuntaron despois a unha sobredose nunha discoteca, algo ocultado por autoridades e amigos. A súa tumba é unha das máis soadas do cemiterio de Père Lachaise, e iso a pesar de que alí abundan as sepulturas de grandes figuras como Óscar Wilde, Frédéric Chopin, Yves Montnad ou Sarah Bernhardt.

O busto foi colocado en 1981 para conmemorar o décimo aniversario do falecemento do músico, e apenas sete anos despois foi roubado. Un rexistro realizado pola Brigada Financeira e Anticorrupción da Policía de París atopou o busto no domicilio parisiense do directivo dunha empresa investigado por falsificación de documentos contables.

A Prefectura de París compartiu unha foto nas súas redes sociais que mostra a escultura xa agrisada, aínda cuberta de grafitis e á que lle falta un anaco de nariz, supostamente cernada por buscadores de recordos antes da súa completa desaparición. As autoridades non aclararon aínda se o busto será devolto ao seu emprazamento orixinal.