
Unha xornada en Santiago deu pé ao debate e a unha gran foliada
18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Tocadoras de todo o país xuntáronse na tarde deste sábado en Santiago para festexar o Día das Letras Galegas, unidas pola mesma pandeireta que no seu día fixo un pouco máis libres ás mulleres para tocar, berrar, reivindicar, tomar a palabra e facerse fortes en comunidade. O encontro abriu un espazo de reflexión sobre o papel que xogaron onte e hoxe, non só para dar voz ás mulleres, senón tamén para divulgar a lingua e a cultura da terra.
A xornada impulsada pola asociación Somos Pandeireteiras contou coa presenza de artistas recoñecidas, como Mercedes Peón, xunto con tocadoras históricas que serviron de fonte para as novas xeracións, ademais de lingüistas, filólogas ou educadoras que analizaron a figura das cantareiras como referente educativo e gardiás do patrimonio lingüístico e a tradición oral. E, a fin de contar o relato artellado onte nunha futura publicación, participaron tamén as autoras galegas Lucía Aldao, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil.
Deuse pé ao debate, e a pensar cara onde debería ir o futuro das pandeireteiras e como manter viva a creación colectiva nos distintos parladoiros e mesas redondas que tiveron lugar no Auditorio de Galicia, pero tamén houbo tempo para os bailes, as coplas e a distensión.
E, coas ferreñas ben afiadas, tomaron unha vez máis as súas pandeiretas como arma de liberación e celebración para poñer o colofón cunha gran foliada aberta á cidadanía.
Ao fondo do corredor do auditorio, reivindicando para o pobo os espazos públicos, tomaron a iniciativa tres pandeireteiras de Fene, membros do grupo Xirifeiras (entre elas, Gisela Sanmartín, presidenta de Somos Pandeireteiras). Non acabaran o primeiro tema cando se formou un corriño improvisado de bailaoras dispostas a romper o xeo. E, coa atención do público xa captada, puxéronse aos micros e fixeron resoar as súas voces e pandeiretas co apoio dos equipos de son. Así comezou unha folía na que participaron nenos e vellos, galegos e non galegos, homes e mulleres de todas as condicións. Alí estaba a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que trouxo da casa a súa propia ferramenta de liberación e festexo.
Entre aturuxos, cantigas, risas e aplausos foi caendo a noite en Compostela ao son das pandeireteiras, ao son da terra e das letras (as Letras, con maiúscula).