Dun pavillón militar a un museo, Braga acolle a grande exposición do 25 de abril

CULTURA

Máis ca un arquivo sobre a Revolución dos Caraveis é unha mostra sobre o espírito do pobo, da forza que a arte adquire cando se inspira na liberdade
26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Non hai arte documental, porque a arte mesma é a testemuña do seu tempo», di o artista Paulo Mendes, no xardín do museo Nogueira da Silva, en Braga. É o comisario da exposición «Somos todos capitães, 50 anos em liberdade», que se inaugura este sábado en conmemoración da Revolución dos Caraveis, que marcou o inicio da democracia lusa en 1974, e a celebración das primeiras eleccións democráticas de Portugal, en 1975.
Mendes, que fala rápido e con frases curtas, non dá puntada sen fío. Vai ao fondo da cuestión e sérvese da súa erudición para conversar, pero tamén para compor unha mostra ecléctica na que as obras tecen unha rede entre iconoclastia, reivindicación, agresividade, forza e unha indiscutible arela de liberdade; é dicir, transmiten ese intanxible, tan definitorio do Portugal actual e os valores europeos, que é o chamado espírito do 25 de abril. De aí que se sumen artistas internacionais —con especial pegada dos españois, que comparten os cinco decenios de democracia— que representan a forza da onda de liberdade que comezou en Portugal e continuou por Latinoamérica ou Europa do Leste.

Todo conflúe nun salón nobre do pazo Nogueira da Silva, herdanza da burguesía que se enriqueceu durante o Estado Novo. Destinado á exposición de obxectos decorativos acumulados durante a ditadura, fica agora a escuras e cede todo o protagonismo a Carnaval canibal, unha instalación visual na que Inês Leal amosa o durísimo arquivo fotográfico da Diamang (compañía de diamantes de Angola), baixo música estroboscópica e luz laranxa. A uns pasos, o frigorífico apedrado de Jimmie Durham contrasta cunha colección de vaixelas de época.
O colonialismo e a iconoclastia son apenas dúas das constantes da mostra que reflicte a historia previa e posterior á Revolución dos Caraveis, non tanto a través dos feitos, senón da súa máis fonda esencia. É, no senso surrealista, ese cadáver exquisito no que cada elemento intervén ao seu xeito para transmitir toda unha época e un sentir.
Os tres espazos onde se desenvolve a exposición resultan inmersivos e escenifican os piares deste xiro da historia. Do museo pásase ao Forum de Braga, en cuxas paredes se senten aquelas rúas setenteiras que se expresaban a través dos carteis. Alí están os vídeos de Santiago Sierra, pezas de Fernando Sánchez Castillo —unha das sinaturas máis presentes—, as de Nuno Nunes-Ferreira sobre o problema non resolto da vivenda, unha instalación de Patrícia Almeida sobre a troika (Ma vie va changer, 2017), as fotografías de Sobral Centeno ou Manuel Botelho... As obras amoréanse e confrontan o espectador: dunha beira, o Estado Novo, da outra, todas esas democracias incipientes que acordaran a instancias da portuguesa. E culminan nun cuarto negro, escuro, onde se proxecta o cine de Pedro Costa fronte ao cadáver (Jaz morto e arrefece o menino da sua mãe, 1973), de Clara Menéres. Obras creadas para a mostra altérnanse con mestras como Paula Rego ou Vieira da Silva.
A memoria histórica portuguesa e europea convocan toda unha polifonía de voces, diversidade de soportes artísticos e interpretacións dun período apaixonante, que definiu conceptos fundamentais da democracia, que hoxe perigan ante discursos populistas e nacionalistas, como a propia mostra lembra.

O colofón está por chegar: «Ante a ausencia dun espazo de arte contemporánea, usamos toda a cidade, con espazos moi simbólicos», comenta Mendes. Até o punto de que conseguiu habilitar o pavillón do Rexemento de Cabalaría do Exército, que funciona como unha instalación. «Aquí amosamos a eterna gratitude aos militares», di o comisario, mentres avanza entre os soldados que adestran e ducias de tanques aparcados. No interior, unha enorme tela de Hugo Canoilas, un tanque, armas, as bandeiras ficticias de Nuno Palma. E, de fondo, probas de tiro soan como petardos, lembrando que «a liberdade e a historia se conquistan cada día».
Esta grande exposición, que permanecerá aberta até o 30 de xuño, é un dos destaques da ambiciosa programación de Braga25 —a capital cultural portuguesa este ano— e facilita o transporte entre as instalacións.