
En 1950, con 25 anos, o filósofo e pensador, e logo destacado membro do PCE, Carlos París gañou a cátedra de Filosofía da Universidade de Santiago. No vello catálogo da editorial universitaria compostelá, cubertos do pó, e a nobreza, do tempo, figuran títulos da súa autoría como La crítica neopositivista de la metafísica (1952) ou Ciencia, conocimiento, ser. Estudios para una epistemología actual (1957). Perfecto e, imaxino, sufrido coñecedor da universidade franquista, nun libro de 1974 (La universidad española actual: posibilidades y frustraciones), París evocaba a institución dos primeiros anos da posguerra recuperando unha expresión polo visto de atribución apócrifa pero que, para o caso, lle viña como anel ao dedo. A universidade española daqueles escuros tempos era, escribe París, un «nostálxico emprazamento reservado para xentes que exercen a funesta manía de pensar».
Así era. O libre exercicio das ideas é implacable (e intemporal) inimigo de toda forma de dominación, pois toda ditadura alicerza na imposición violenta dun pensamento único. Semellan afastadas no tempo as estampas de nazis queimando libros ou as botaratadas de Millán Astray perante o reitor magnífico da minerva helmántica. Hoxe, certo é, as formas da dominación ideolóxica abandonaron prácticas tan groseiras e escatolóxicas pero a súa arteira sutileza incorpora novos riscos, perigos e limitacións ao pensamento. A viñeta é de El Roto. Un di: «Teño unha idea». E outro reponlle: «Desfaite dela!» As ideas, nacidas sempre nas arestas da realidade, poden resultar máis pezoñentas que un crótalo. As redes sociais son unha proba irrefutable de que o pensamento, crítico, fértil, creador, vive acantoado nun recuncho. 120 caracteres, ideogramas, meros titulares ou o máis impúdico cultivo da vaidade na carreira dos likes son o nutriente esencial de X ou Facebook.
Cando comparto en Facebook a miña columna dos luns neste xornal, conseguir cinco ou seis gústame xa é un éxito. Non vou caer no patetismo de queixarme porque é probable que a sete de cada dez lectores lle importe un carallo o que escribo. Dá igual: eu atopo farta felicidade na funesta manía de pensar.