
Opasado día 17 de xaneiro cumpriuse o vixésimo terceiro aniversario da morte de Camilo José Cela, o único escritor galego que gañou o Premio Nobel de Literatura —foi no ano 1989— e que finou a súa vida en Madrid o 17 de xaneiro do 2002. Por isto quizais cabe dicir que é sorprendente a actual desatención que pesa sobre un escritor tan recoñecido, que gañou tamén o Premio Príncipe de Asturias das Letras en 1987 e o Premio Cervantes en 1995.
Novelas como La familia de Pascual Duarte (1942), Pabellón de reposo (1943), La colmena (1951), San Camilo 1936 (1969), Oficio de tinieblas 5 (1973), Mazurca para dos muertos (1983) ou Cristo versus Arizona (1988) son sete fitos ou cumes indiscutibles. Unhas obras coas que Cela construíu unha ponte narrativa entre a xeración do 98 —Pío Baroja e Ramón María del Valle-Inclán— e as vangardas do século XX. Todo para facer un mundo propio recheo de boa literatura.
Qué pasou logo para que un estraño silencio se abatese sobre el e sobre a súa literatura? Como periodista, tiven a ocasión de entrevistalo varias veces, nos seus domicilios de Palma de Mallorca e de Madrid, e sempre me atopei cun escritor moi seguro de si mesmo e da calidade da súa obra literaria, que ademais era comunmente moi recoñecida. Quizais por isto resulta tan inexplicable o esquecemento que se está a producir agora sobre a súa vida e sobre a súa abondosa produción literaria. Porque a súa é unha obra de moita calidade e de gran talento.
É ben certo que o que está a ocorrer agora con Camilo José Cela tamén está a suceder con moitos outros grandes escritores en todo o mundo. É coma se, tras o pasamento, viñese un tempo de desconexión co lector e a sociedade do que case ningún autor está libre. Mais no caso de Cela quizais tamén se produce unha desconexión idiomática, pola razón de non ter escrito algunhas das súas obras en galego. Algo que quizais explica a súa distancia creativa con escritores coma Álvaro Cunqueiro, por poñer un exemplo.