«Abaixo do galego, só o burro», ou como os estereotipos foron mudando en Lisboa co tempo

Brais Suárez
Brais Suárez LISBOA / E. LA VOZ

CULTURA

Coloquio no centro galego de Lisboa.
Coloquio no centro galego de Lisboa. Brais Suárez

Un coloquio celebrado polos tres centros de estudos galegos de Portugal recolleu a pegada da inmigración nos últimos tres séculos

12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Ribeiro, xubilado, leva case toda a vida en Lisboa. «Era raro que un home galego emigrara a Lisboa coa súa muller, pero a miña nai acompañou a meu pai dende o principio», conta no patio do Centro Galego da capital lusa. «Iso si, ela foi de volta a Galicia para dar alí a luz», o que era unha tradición xa secular entre a numerosa comunidade de galegos emigrados en Portugal.

Pouco despois, a Lisboa que se atopou Ribeiro na súa infancia era diferente á actual, e a relación cos galegos, máis aínda. «Tiñamos liortas constantemente. Desprezábannos sempre por galegos», lembra. Non hai máis que ver algunhas das frases que van desaparecendo da fala popular: «filho de galego!», «fome galega», «trabalhar como um galego», «cinquenta galegos não fazem um homem» ou «abaixo do galego, só o burro». Ribeiro advirte, porén, que «xa non hai nada diso, sobre todo dende a entrada na Unión Europea... aínda que a algún se lle escape, cando se anoxa, algo do estilo ‘‘vai para a túa casa, galego do carallo”». Deslices que tamén se poden cometer no outro sentido.

A evolución desta relación foi o eixo do debate do coloquio Cruzamentos Galiza-Portugal: Redes migratorias e culturais, organizado polos tres centros de estudos galegos esta semana na Universidade Nova de Lisboa. O rastrexo da emigración foi pormenorizado, pescudando os primeiros vestixios deste fluxo migratorio, que é «un dos máis ignorados, porque acotío se dá por feito», pero que chegou a constituír, no século XVIII, a «maior minoría de Lisboa», segundo comentan os organizadores Héctor Pardo e Carlos Pazos, dos centros de estudos galegos de Lisboa e Braga, respectivamente. Estímase que a poboación galega puido ser de 80.000 persoas nunha Lisboa na que apenas vivían 200.000.

«Sempre estaban na rúa, ocupándose nos oficios máis elementais e sobrevivindo con tarefas moi pesadas e desprestixiadas; especialmente de augadeiros [quen carretaba a auga]», explicaba Pazos. Tamén eran carboeiros, transportaban encomendas ou castraban gatos...

O terremoto de 1755

Esta emigración comeza cara a 1720 e dispárase tralo terremoto de Lisboa, en 1755, cando a capital precisa de man de obra, e cando o norte do Miño non consegue satisfacer as necesidades dunha poboación en forte crecemento. Sempre cunha lóxica de norte-sur, haberá picos migratorios segundo o contexto histórico: cando os portugueses comezan a marchar ao Brasil, ou cando os galegos foxen da represión de 1846 e do recrutamento para o servizo militar en España.

«Eran o máis semellante aos repartidores actuais», comenta Pazos. E o profesor de Historia da USC Domingo González Lopo profunda: «A súa presenza na rúa, a facilidade para identificalos polas roupas desleixadas, o seu particular acento e mais a súa miseria conduciron á creación dun arquetipo nas obras de cultura popular», alimentaron a fraseoloxía (recollida polo propio Lopo) e mesmo aparecían retratados en cadros e figuras do famoso Bordalo Pinheiro. Até se lles imputaban calidades discutíbeis, coma «o defecto de ser españois», nun contexto de especial animadversión ao país veciño. «Nos diálogos das obras teatrais atribúenselles castelanismos moi pouco probables, apenas para reforzar esta imaxe negativa», incide Lopo.

Máis benévolos eran outros escritores estranxeiros que visitaban Lisboa, que caracterizaban a esta minoría como austera, honesta, aforradora e moi traballadora. Unha imaxe que, co tempo, comeza tamén a aceptar a poboación local, cando os galegos emprenden negocios e prosperan. Son, xa, os lisboanos, máis educados e dominantes da lingua local, como se reflicte na popular obra O galego surdo.

«A diferenza doutras migracións, os galegos que viñan a Portugal facíano coa vontade de regresar»

A pegada gastronómica tivo especial relevancia, tanto pola contribución ás receitas lusas coma polas casas de comida aínda activas en Lisboa: O Tapisco, Martinho ou Gambrinus. Pero, sobre todo, porque as tascas primeiro e os restaurantes despois foron os negocios que permitiron o progreso da comunidade galega, cada vez máis asentada. «A diferenza doutras migracións, os galegos que viñan a Portugal facíano coa vontade de regresar; os que acababan por ficar, nunca perderon a relación coas orixes», como amosa o xurdimento de varias publicacións para a diáspora ou deste Centro Galego de Lisboa, en 1908.

Até o 18 de maio, o salón rexio deste palacete acollerá unha exposición de Cantantes líricas galegas, exhibida orixinalmente en Santiago, «pero repensada e ampliada para analizar os nexos con Portugal», segundo comentou o seu comisario, o profesor da Historia da Música da USC Javier Garbayo na inauguración.

Porén, fica aberta a pregunta dos límites daquela palabra despectiva, galego, que adoitaba designar a minoría procedente de ámbalas dúas marxes do Miño, foran portugueses do norte ou propiamente galegos. «A historia levounos a estar en dúas nacións diferentes, española e portuguesa, pero os galegos e portugueses sempre conviviron xuntos, con lazos de familia, e iso tamén se ve no ámbito da emigración», concluíu o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda.