![Fragmento dun cartel de Editorial Galaxia para o Día das Letras Galegas de 1963.](https://img.lavdg.com/sc/L-BPSFeyEUFVp5t-Jk8IUtRYcdo=/480x/2023/05/09/00121683630722008102681/Foto/j09y3058.jpg)
A Academia dedica unha mostra virtual a celebrar o gran acontecemento cultural nacido en 1963
09 may 2023 . Actualizado á 13:42 h.O 28 de abril de 1963, a Real Academia Galega, a proposta dos seus membros de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús ferro Couselo, aproba a organización dunha celebración que estea oficialmente dedicada a honrar os libros galegos. A data elixida é o 17 de maio dese mesmo ano, co gallo de que se cumpren cen anos dende que Rosalía de Castro lle dedicou a Fernán Caballero a súa primeira edición de Cantares Gallegos. Nacía así o Día das Letras Galegas.
![Visita dos académicos a Gala, filla de Rosalía de Castro.](https://img.lavdg.com/sc/JaPxxIEc1pSQKdbnjPY1gQG9I00=/480x/2023/05/09/00121683630722659997857/Foto/j09y3056.jpg)
Sesenta anos máis tarde, a Academia festexa a lonxevidade deste gran acontecemento cultural cunha mostra na súa web na que repasa algúns dos fitos desta longa traxectoria. Os fondos proceden dos arquivos da propia Academia, da Fundación Penzol e da Editorial Galaxia. Entre outros documentos, amósase a carta na que os tres promotores da iniciativa presentan a súa idea, ou da visita que os académicos lle fixeron a Gala, filla de Rosalía, no transcurso daquela conmemoración. Tamén deses primeiros tempos data unha fotografía que retrata a uns mozos Carlos Casares, Xohanna Torres, Salvador García-Bodaño e Arcadio López-Casanova, quen participaron nun recital logo dunha conferencia de Ricardo Carvalho Calero sobre Rosalía.
![García-Bodaño, Casares, López-Casanova e Xohanna Torres, nunha conferencia de Carvalho Calero e recital dedicados a Rosalía de Castro.](https://img.lavdg.com/sc/8pvwkRDmYNb8OGMan9N38ujU3KY=/480x/2023/05/09/00121683630781601543947/Foto/j09y3057.jpg)
A mostra permite ver, ademais, como o Día das Letras Galegas acadou unha notable repercusión nas comunidades galegas da emigración, de Bos Aires a Nova York, pasando por Porto Rico. O percorrido chega ata a actualidade, coa reprodución de murais dedicados a Xela Arias e Florencio Delgado Gurriarán nas súas localidades natais, Sarria e Vilamartín de Valdeorras,respectivamente.