A RAG abrirá o centenario de Murguía cunhas xornadas sobre o seu legado

L. R. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O gran construtor da nacionalidade galega. No 2023 celebrarase o centenario do pasamento de Manuel Murguía (Arteixo, 1833-A Coruña, 1923).
Ou gran construtor dá nacionalidade galega. Non 2023 celebrarase ou centenario do pasamento de Manuel Murguía (Arteixo, 1833-A Coruña, 1923).

En colaboración coa Casa de Rosalía e distintas institucións, a Academia organiza en febreiro un programa que xirará arredor da relación do intelectual coas institucións, a súa idea de Galicia e os vínculos entre a literatura e a nación

03 nov 2022 . Actualizado á 22:01 h.

A Real Academia Galega abrirá en febreiro do 2023 a celebración do centenario do pasamento de Manuel Murguía (Arteixo, 1833-A Coruña, 1923) con tres xornadas que revisitarán a figura e afondarán no legado de quen foi primeiro presidente da institución, intelectual polifacético e figura fundamental do Rexurdimento, considerado o gran construtor da nacionalidade galega. En colaboración coa Casa de Rosalía e distintas institucións, a RAG organiza o programa, que xirará arredor de tres eixes: Murguía e as institucións, Murguía e a idea de Galicia e a relación entre a literatura e a nación, según adianta a Academia.

As xornadas terán lugar os días 2, 9 e 16 de febreiro na Coruña, Santiago e Padrón, tres escenarios vitais e simbólicos na traxectoria do historiador, responsable da definición do ideario político do Rexurdimento e autor de obras como Historia de Galicia, fundamental na conformación da emerxente ideoloxía nacionalista naquel tempo. Os encontros contarán, entre outros relatores, co académico Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro, a biógrafa de Rosalía María Xesús Lama, a investigadora Ana Acuña, o politólogo Ramón Maiz, o historiador Justo Beramendi e o académico Ramón Villares.

O primeiro encontro, sobre a relación de Murguía coas institucións galeguistas e a creación dos símbolos de Galicia, terá lugar na Coruña o 2 de febreiro, día do centenario do seu pasamento, e abranguerá temas como os precedentes da RAG, con experiencias como a da Sociedad de Folklore Gallego, creada en 1881 tamén na Coruña, e a bandeira galega de Murguía e Rosalía. A idea de Galicia de Murguía será obxecto de novas achegas na xornada que se desenvolverá o 9 de febreiro en Santiago, cun repaso á súa obra como historiador e o seu papel na difusión da idea do celtismo como paradigma interpretativo da historia de Galicia.

A Casa de Rosalía de Castro acollerá o 16 de febreiro a última xornada, que profundará no rol de Murguía na creación do canon da literatura do país, a creación dunha «escritura nacional» e mais a figura de Rosalía no sistema literario do seu tempo.