«Un lugar tranquilo 2», sufrir en silencio

CULTURA

Fotograma del filme «Un lugar tranquilo 2».
Fotograma do filme «Un lugar tranquilo 2».

John Krasinski demostra como realizador controlar os resortes do susto doado e predicible, con saltos na butaca programados e calculados como un reloxo

23 jun 2021 . Actualizado á 08:53 h.

Sufrir en silencio. Iso é o que fan os personaxes -e os espectadores, agradecidos- das dúas películas que supoñen a afortunada incursión na dirección do cine de terror do actor John Krasinski. Lonxe de pomadas milagrosas (como a daquel famoso anuncio que levaba a citada consigna por bandeira), para os protagonistas non parece haber alivio para os seus males, máis aló da prevención que é para eles o silencio… Para todo este sufrimento, Krasinski leou á que é a súa muller fóra das pantallas (unha sempre eficaz Emily Blunt), un par de nenos (ollo á nena con xordeira, Millicent Simmonds, que comparte condición na vida real e que apunta xeitos), un bebé e pouco máis, e sitúaos nun mundo posapocalíptico para que fuxan ante uns alieníxenas con moi malo leite que se guían unicamente polo son, e que aterraron na Terra para exterminar por mero pracer a unha humanidade moi ruidosa.

Un lugar tranquilo tomaba estes ingredientes e construía con eles un drama intimista ao redor da familia, con escasos medios, actores e escenarios, conseguindo con todo un dominio absoluto na creación dun clima de tensión, apoiado especialmente os efectos de son e nas interpretacións (para o recordo, a terrorífica escena de parto). Todo iso afastábao dos filmes de terror da chea, e xeraba unha aceptación en crítica e público que deu pé a esta segunda parte.

Partindo dun listón alto, Un lugar tranquilo 2 ábrese cun prólogo de altura, e desenvólvese dun modo máis que aceptable, aínda que perdese a novidade do seu argumento. Hai máis recursos, e por tanto máis espectáculo, pero por sorte segue dominando a tensión dramática, o suspense e a transmisión de angustia. Si que pode ser máis do mesmo, pero Krasinski demostra controlar os resortes do susto doado e predicible, con saltos na butaca programados e calculados como un reloxo, así como a montaxe paralela (a tres bandas) para sumar estrés. E xa de paso, deixando a porta aberta a unha futura terceira parte.

«A QUIET PLACE: PART 2»

EE.UU., 2020.

Director: John Krasinski.

Intérpretes: Emily Blunt, Cillian Murphy, Millicent Simmonds, Noah Jupe, Djimon Hounsou.

Terror, ciencia ficción.

97 minutos.