James Cameron adapta ao cine o cómic xaponés «Alita: Battle Angel»

j. m. LONDRES / EFE

CULTURA

Narra a evolución e aventuras dunha cíborg adolescente que se esperta amnésica nun mundo posapocalíptico

05 feb 2019 . Actualizado ás 08:40 h.

O cineasta James Cameron, autor dalgunhas das películas máis recadadoras da historia, sostén que «entender como funciona o corazón e a mente das mulleres é o gran reto do home nesta civilización», ao presentar a súa última produción, Alita: Battle Angel. O director explica que se propuxo «descifrar ese código» ao escribir o guion desta cinta de ciencia ficción futurista, dirixida por Robert Rodríguez e baseada en sériea manga dos anos 90 do xaponés Yukito Kishiro.

A película, producida por Cameron e Jon Landau, o seu colaborador tamén en Avatar e Titanic, narra a evolución e aventuras da cíborg (organismo cibernético) Alita, unha moza adolescente que se esperta amnésica nun mundo posapocalíptico, tres séculos despois dunha catástrofe tecnolóxica. Coa axuda do científico cibernético Doutor Ido (Christoph Waltz), que reconstrúe o seu corpo danado, Alita (Rosa Salazar) vai lembrando o seu pasado e o seu verdadeiro espírito de loitadora, co que tratará de cambiar a orde establecida.

Cunha estética «ciberpunk» -que mestura decadencia e alta tecnoloxía-, potente música e efectos visuais, o filme, que loce especialmente en 3D, presenta unha trama de suspense con moita acción e personaxes sorprendentemente sólidos, en particular o seu protagonista. «Sempre me gustaron os personaxes femininos fortes, pero este era diferente. Ao tratarse dunha moza adolescente, pasa por importantes momentos na súa transformación cara a muller, debe achar a súa identidade, o seu lugar no mundo», conta ao creador canadense.