Sentarse a ver crecer a herba

eduardo galán branco

CULTURA

Oren Moverman non ten o xenio contemplativo de Éric Rohmer, pero o seu «estilo documental», a súa forma de tratar a ficción, capta a soidade urbana dun xeito certo

26 dic 2015 . Actualizado á 05:00 h.

Para moitos espectadores impacientes, aguantar as dúas horas que dura Invisibles será como sentarse a ver crecer a herba, ou a ver secar a pintura, como lle dicía o rudo detective Gene Hackman a Susan Clark, a súa muller infiel nA noite móvese.

Evidentemente, Oren Moverman non ten o xenio contemplativo de Éric Rohmer, que tanto irritaba a Hackman naquela película, pero o seu «estilo documental», a súa forma de tratar a ficción, capta a soidade urbana dun xeito certo. Son planos fixos, tomados a distancia desde o interior dunha cafetería ou coa cámara escondida -quizá perdida- tras a masa de corpos que vagan pola gran cidade, filtrando os centos de voces que se queixan no espazo sonoro da metrópoles.

Xa puidemos apreciar este talento irredutible de Overman na moi convincente The Messenger, onde tamén colaboraban os seus amigos Steve Buscemi e Jena Malone. Pero é neste filme onde se mostra de forma máis xenuína, sen concesións.

En Invisibles, Buscemi é o encargado de abrir a historia, desaloxando ao vagabundo sexagenario Richard Gere, expulsándoo dun piso patera. O protagonista leva dez anos vivindo nas rúas de Nova York, como un alcohólico sen rumbo, sen fogar, sen papeis, e buscando a redención no reencontro coa súa filla, unha camareira disfuncional, interpretada pola talentosa Jena Malone.

Gere está moi ben aquí, facendo de «santo bebedor» ao Rutger Hauer, entrando no xogo do director con intelixencia, destruíndo todo o artificio de estrela que lle poida quedar, reeducando a súa querenza polo método stanislavskiano. E únese a ese exército de desherdados, de vagabundos inesquecibles do cine, homeless que comezaron a camiñar con Charlot, xente como o Franco Citti de Accattone, os Jon Voight e Dustin Hoffman de Cowboy de medianoite, o Gene Hackman e o Al Pacino dO espantallo, o Jack Nicholson de Talo de ferro, o Robin Williams dO rei pescador ou o Robert De Niro dA vida de Flynn.

Ficha

Invisibles. EE.UU., 2014.

Director: Oren Moverman. 

Intérpretes: Richard Gere, Ben Vereen, Jena Malone, Kyra Sedgwick, Steve Buscemi, Jeremy Strong.

Drama. 121 minutos.