
Varios restaurantes neoiorquinos reduciron as súas racións para axustarse ao apetito de quen toma este fármaco. Sen chegar a tal extremo, e por diferentes motivos, moitos locais herculinos ofrecen alternativas máis pequenas polo cambio de hábitos dos comensais
28 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.Di The New York Times que Ozempic está a encoller o apetito. Nun artigo publicado fai hai unhas semanas, o que é un dos principais xornais do mundo advertía dun cambio de tendencia vinculado a un fármaco que naceu para tratar a diabetes, pero que cada vez consome máis xente co obxectivo de adelgazar. A perda de apetito provocada por este medicamento obrigou incluso a modificar as cartas dalgúns restaurantes neoiorquinos, que para evitar o desperdicio alimentario comezan a ofrecer racións máis pequenas.
A revolución que causa Ozempic nos Estados Unidos aínda é contida en España. E aínda que pouco ten que ver o consumo deste antidiabético coa nova forma de entender as comidas fóra de casa, o certo é que en cada vez máis restaurantes da Coruña perciben un novo patrón que aposta en firme polo saudable, e en formatos case sempre máis reducidos.
Teno claro Jorge Otero, propitario de Casa Ponte e A Chula, senllos locais situados na contorna da moi transitada rúa Emilia Pardo Bazán. Conta este hostaleiro que cando abriu A Chula, hai pouco máis de dous anos, introduciu na súa carta a opción de medias racións porque «percibín que a xente come agora menos que antes. Se outrora o normal era que un cliente pedísese unha ración para el, agora adóitanse pedir tres para dúas persoas». Explica que isto ten que ver con que a xente quere probar cousas novas evitando un gasto excesivo, primando a calidade e sen deixar de coidarse.
En cuestións gastronómicas, Galicia sempre estivo no foco por ser terra de bo comer, que tradicionalmente foi sinónimo de moito. Ata o de agora? Aínda que seguirán existindo locais que aposten polo máis é máis, o panorama está a cambiar e asóciase menos un bo restaurante ao volume qe comida que hai sobre a mesa. Este é o motivo, en parte, polo que en Samaná incorporaron a opción de «petiscos» á súa carta. Ocorreu hai dous anos, e como explica Ainhoa Sarria, encargada do local, foi todo un éxito. «Desde que incorporamos este formato, que son bocaditos, notamos unha preferencia clara dos clientes cara a esta alternativa. E agora xa é esaxerado; tanto, que unificamos a carta». Deste xeito, conta que neste establecemento situado na rúa Rosalía de Castro, o habitual é que os visitantes pidan «tres ou catro bocaditos e un principal para compartir». «Hoxe en día é raro que alguén se pida un prato para el só. Ademais, aínda que non aparece en carta, adoitamos ofrecer tamén medias racións, por exemplo de risotto».
María leva anos a cargo de Vos Tigres, unha das tabernas máis concorridas da cidade e famosa polos seus mexillóns picantes. No seu caso, sempre triunfou con racións para compartir, aínda que detecta que empeza a ser tendencia en cada vez máis bares e restaurantes. «Agora interesa sobre todo saír ao goce, máis que a enchernos. Ademais estou a favor de que o camareiro recomende en tema de cantidades, para evitar que se tire comida e para que o cliente saiba máis ou menos o que vai recibir. En Vos Tigres o habitual é que unha parella pida un par de racións para o centro, máis de tres pareceríame unha tolemia».

Chisco Jiménez, responsable do Culuca, clásico entre os clásicos polos seus callos e a ensalada rusa, vai un paso máis aló. Indica que leva quince anos pondo máis ou menos as mesmas cantidades nas súas racións. Agora ben, percibe que para os seus clientes coidarse é o primeiro, e isto pasa por evolucionar respecto ao que se ofrece en carta. «A xente cada vez inclínase máis por elaboracións ao vapor ou á prancha, e foxen de determinadas salsas. De feito, pode ser polo perfil de clientes que teño a diario, pero o meu menú do día é moi saudable».