Estefanía Estévez, adiestradora nun hotel canino: «Para os cans é moi importante entender a rutinas. Cando o fan, reláxanse»

VIVIR A CORUÑA

Este tipo de establecementos ofrece un gran servizo para que as titoras poidan compaxinar o coidado das súas mascotas coas súas vacacións estivais
27 jul 2025 . Actualizado á 09:42 h.Durante a ponte do Día de Galicia que xa case chega ao seu fin, o hotel e gardería Canine Mera Club acadou a súa máxima capacidade ao xestionar ata 65 cans, unha cifra que reflicte o notable crecemento deste sector. Estefanía Estévez, adiestradora canina do centro, sinala como a crecente incorporación de cans nas familias impulsou a demanda de servizos especializados que combinan coidado, educación e benestar animal. Establecementos como este requiren de profesionais preparados para atender as diversas necesidades de cada animal. Nesta entrevista, Estefanía comparte a súa experiencia sobre o traballo diario con cans de diferentes razas e temperamentos, os retos que expón a xestión de grupos numerosos e a importancia de adaptar as rutinas e espazos para garantir unha estancia segura e tranquila para as mascotas.
— Que motivouche a formarte en educación canina?
— Pois foi polo meu can, que é un husky. Son cans moi especiais en canto a comportamento, e na Coruña non atopaba un educador canino que soubese tratar ben con esta raza. Así que decidín formarme eu mesma.
— Esa formación levoute a traballar nun hotel canino. Como é traballar todos os días con estes animais? É estresante?
— Bo, o máis importante é coñecelos e entender cales son as súas necesidades. Realmente non hai momentos estresantes. Estamos preparados para traballar con cans. Quizais o maior reto emocional ao que te enfrontas como adiestrador é traballar ao teu propio can, porque te toca máis de preto. Entón, para traballar aos cachorros dos clientes o noso estado emocional ten que ser completamente tranquilo. Ao final hai unha pequena distancia que evita que nós fraqueemos nese punto.
— Esta ponte estivestes a lume de biqueira. Como é a organización con tantos cans?
— Nós facemos os grupos por afinidade e por tamaños. Todos os cachorros pequenos van xuntos sempre que sexan afíns e teñan un carácter similar e estean cómodos xuntos. E logo os grandes, pois o mesmo. Logo aceptamos tamén cachorros que teñen dificultades con outros cans. Nós collémolos igual, sexa da raza que sexa, pero simplemente dedicámoslles tempo individual. Intentamos adaptarnos ao máximo posible ao carácter e ás necesidades de cada un e ao que lle gusta.
— Como adoitan adaptarse estes animais?
— Hai cachorros que se adaptan moito máis rápido que outros. As familias que xa nos din que ao seu can lle custa separarse deles, entón nós o que sempre recomendamos, sobre todo cando se van a quedar de hotel, é que os traian á gardería nalgún momento unas poquitas horas ou unha tarde ou unha mañá, o que lles vinga ben. Entón, o animal xa nos vai coñecendo e vemos que tal se senten en cabana. Se vemos que é necesario que vinga un pouquiño máis ou que vinga máis veces, pois llo imos recomendando ao cliente. Nestes casos nós estamos pendentes. Pero todo se encamiña cando eles coñecen as rutinas. Para os cans é moi importante entender a rutina, é dicir, agora tócame un ratito en cabana e logo xa saio a patio, agora entro a descansar e a comer e logo xa saio a patio. Cando empezan a entender as rutinas é cando eles xa se relaxan e din «agora tócame descanso» e xa non teñen problema. Logo xa hai outro tipo de cans que o primeiro día xa entran na cabana e xa se pon a durmir.
— Que vacinas deben ter os cans?
— Nós en canto a vacinas recomendamos a polivalente e a tose do floco. En canto a cans potencialmente perigosos é obrigatoria tamén a da rabia maior, pero logo son obrigatorias as anuais, as que por obrigación temos que darlles segundo cartilla e demais.
— E as cadelas, deben estar esterilizadas?
— Non, de feito aceptamos a cadelas que poidan ter o celo. O que facemos é que formamos as rutinas para que sexa factible e que poidan tamén saír ao patio. Facemos os grupos de forma diferente para que realmente poidan gozar de todas as instalacións. Por exemplo, que non estean varios machos xuntos e que poida haber un conflito polo cheiro.
— Que instalacións e servizos ofrecedes no voso hotel e gardería canina para asegurar unha estancia cómoda e segura para os cans?
— Nós ofrecemos o servizo de hotel e de gardería. Nas nosas instalacións temos tres patios diferentes: dous cubertos e un sen carpa, onde teñen a súa sombra con árbores altas. Logo temos a piscina, que a utilizan tanto os cachorros de hotel como os cachorros de gardería. As rutinas sempre as adoitamos preparar coa precaución de que sexan en horarios nos que logo estean secos cando se van á cabana, que teñen cámaras para que os titores poidan ver os seus cans.
— Como xestionades a alimentación?
— Nós aceptamos calquera tipo de alimentación, o que queira traer o cliente. Sempre procuramos que eles traian a alimentación habitual, máis que nada para evitar problemas gastrointestinais derivados dun cambio de dieta de súpeto. Entón, pedímoslles que nos especifiquen exactamente como lle dan a comer# na casa, sexa comida natural, sexa lata, sexa mesturado con lata, alimentación tipo barf... Logo, a opción que damos nós é que se hai algún cliente que se esqueceu ou non quere traerlle a alimentación, nós dámoslle penso que temos nós. Unha marca premium e que evite problemas gastrointestinais polo cambio de alimentación.
— Cal é a duración habitual das estancias?
— O máis habitual estamos a falar entre fins de semana, unha semana, 15 días... iso adoita ser o máis habitual. E o maior tempo que estivo un can connosco, podemos falar de 3 meses incluso, pero iso pasa de xeito máis esporádico.