
Na nave de Cárnicum de Bergondo, a marca comercial da empresa Betanzos Carnes da que é propietario, maduran carnes para os mellores asadores de España
27 jul 2025 . Actualizado á 10:55 h.A carne é o seu carné de identidade. «Ademais de traballar no sector, todos os sábados durante anos ceei un chuletón dun quilo. Agora só de cando en vez. Gústame máis a carne de vaca que a de tenreira, algo que lle pasa tamén á maioría de nenos. De momento non me volvo vegano», comenta con bo humor Horacio Máquez Couce, copropietario da empresa Betanzos Carnes e da súa marca comercial Cárnicum. «Xusto nestes días de xullo abrimos hai 12 anos a nave no polígono de Bergondo. Foi a mellor decisión que puidemos tomar. Ter nun mesmo sitio un punto de venda ao público, a hostalería e a distribuidores cunha cámara de maduración de última xeración con controis de temperatura, humidade e bacterias. En Bergondo maduramos carne para os mellores asadores de España. Os vascos, que son os que máis entenden disto, din que a partir dos 20 días de maduración xa está lista para comer. Se citas algún cliente gustaríame que puxeses aos mozos do Divino do Burgo e a Taberna García e a Javier Olleros, de Culler de Pau, que tamén é bo cliente», destaca este veciño de Moruxo, primo-irmán da alcaldesa de Bergondo, e que naceu en Hannover.
Un amigo-irmán-socio
Ten 58 anos, un fillo de 35 e unha neta, Maya, de apenas 6 meses. A nena é a alegría dunha familia que viviu momentos bos e outros non tanto. «Nacín en Alemaña porque os meus pais estaban alí traballando. O meu pai estaba hospitalizado e a miña nai foi visitalo e, á saída do hospital, caeu polas escaleiras e morreu. Son fatalidades da vida. Crieime coa miña avoa aquí, pero todos os meses o carteiro viña co diñeiro da pensión alemá que me correspondía por orfandade», lembra. Clave durante a súa vida tamén o foi a súa muller, Rosa López Encinas, de Insua, en Paderne. Sendo un rapaz coñeceu a Javier Lendoiro, o seu amigo da alma. Impresiona ver a un home tan grande como Horacio chorar como un neno cando fala del, falecido en marzo do ano pasado. «Sempre estivemos xuntos e tratabámonos como irmáns. Xogamos ao baloncesto, fomos compañeiros de clase e cando empezou a traballar no matadoiro de Montellos e preguntáronlle se coñecía a alguén máis para traballar deu o meu nome. Alí estivemos ata que decidimos montar Betanzos Carnes cun terceiro socio, Ramiro Iglesias, que leva 50 anos comprando vacas e coñece todos os segredos. Pero todos os días acórdome do meu amigo que xa non está», confesa emocionado.
Algo máis que hamburguesas
Hai pouco estivo por Cárnicum o mediático chef José Andrés e levou algúns produtos. «Hai días que facemos 300 quilos das nosas hamburguesas, as Betamburguers, que temos de varios tipos, pero sempre mantendo a calidade. Agora no verán despáchanse moitísimas picañas para facer á brasa. Pero os chuletones de vaca loura e as Betamburguers véndense como rosquillas», asegura. Estamos nun momento de bum no sector da carne e Horacio analízao. «Nós compramos o animal e vendémolo ao consumidor, hostaleiros e distribuidores. O chef Gordon Ramsay, que estivo en Lugo, só comprou a carne. O segredo do noso negocio é tratar ben ao gandeiro. O que sucede é que non hai moita cantidade e a vaca rubia galega ben alimentada converteuse nun artigo de luxo. Imos ver exemplares desde Ribadeo ata O Rosal, onde compramos uns bois hai pouco», explica. Di que traballa de sete da mañá a sete da tarde e que ten pouco tempo libre pero, cando pode, «vou a Sada a pasear, é o meu pobo favorito. Adoitaba levar un balón de baloncesto no maleteiro e paraba a practicar se vía unha pista», confesa. Di que está contento coa empresa e afirma que gran parte do éxito reside en «contar cun persoal excelente. Son xente mozo con ganas de traballar. A nosa idea non é crecer senón manternos, facelo ben e telo todo controlado», resume.