«Neste momento opóñome a que os emigrantes veñan a Sobrado», di o alcalde

SOBRADO

Lisardo Santos, alcalde de Sobrado dos Monxes
Lisardo Santos, alcalde de Sobrado dos Monxes

O rexedor socialista, Lisardo Santos, cuestiona as formas nas que se anunciou a chegada de 40 persoas desde Canarias e a capacidade do municipio para acollelos

26 oct 2023 . Actualizado á 22:41 h.

O Goberno central anunciou que 40 dos emigrantes que chegarán a Galicia desde Canarias quedaríanse, a partir do luns, en Sobrado dos Monxes (1.767 habitantes), pero o alcalde socialista, Lisardo Santos, recoñecía este xoves que se opón a esa decisión: «Non estou de acordo, primeiro polas formas e porque un Concello como Sobrado non ten capacidade para iso». «Eu entendo que non van a vir», di o rexedor, que entende que se terá en conta a súa posición. Con todo, asegura que non quere que se malinterprete a súa postura. O Concello acolleu nos últimos tempos refuxiados, pero remarca que son procesos distintos. «O dos afganos foi un caso diferente, non se pode comparar, chegaron escalonadamente, fóiselles buscando vivenda e non necesitaban un control continuo, son cousas moi diferentes e non se pode mesturar, como se di popularmente, o touciño coa velocidade», puntualiza.

Sobrado chegou a acoller a 14 afgáns hai dous anos. «Esa foi unha iniciativa que se fixera co ministerio e outras entidades e deu os seus froitos, e temos xente afgana que está involucrada e vivindo no Concello», explica Santos, que afirma que con iso pretendíase levar a cabo unha actuación «para fixar poboación no medio rural, e isto non é para iso, senón unha estadía pasaxeira, dun mes e medio, e despois serían deportados ao seu país, como é lóxico». «Neste caso son emigrantes irregulares e os afganos xa viñan coa solicitude de documentación e outros a través de canles diplomáticas», remarca.

O rexedor de Sobrado indica que tivo o 18 de outubro a primeira charla con persoal da Rede Acole para abordar a posible chegada de emigrantes ao municipio e o martes pasado volveu persoal desta entidade ao consistorio e visitaron tamén o mosteiro de Sobrado, que é onde se prevía realizar a acollida. «Eu na primera reunión xa lles dixen que non estaba de acordo», remarca Santos, que indica que foi o delegado do Gobierno, Pedro Blanco, o que lle transmitiu este mércores, con todo, que Sobrado era un dos lugares escollidos para trasladalos. «Eu non dubido que hai un problema de emigración, enténdoo perfectamente, e estamos dispostos a axudar e traballar para quen sexa e facer o que se poida, pero cuns certos límites», apunta e comenta que entende que o Concello non ten capacidade para levar a cabo unha acción da magnitude que se pretende.

«Son consciente dos problemas migratorios que hai, eu neste momento non quero que veñan, opóñome a que veñan ao Concello de Sobrado», apostila Santos, que asegura que as súas palabras non transmiten falta de compromiso coas persoas estranxeiras. «Temos 50 venezolanos censados, teño colombianos, sirios ou afganos, non é un tema de racismo, é que non o podemos afrontar agora dende Sobrado», relata e estima que ademais para este tipo de colectivo «o servizo que lles propoñen ou teñen pensado deberían facelo dende Santiago, Vigo ou A Coruña, sería o máis lóxico», en alusión ás posibilidades máis amplas que se ofrecen desde as cidades.