Morre un veciño de Castro de Rei nun accidente de tráfico en Oza-Cesuras

C. D. OZA-CESURAS / LA VOZ

OZA-CESURAS

O suceso produciuse pouco despois das tres da tarde deste luns no cruzamento entre a AC-230 e a DP-3203 cando un dos dous vehículos implicados saltou un stop e chocou lateralmente co turismo que conducía a vítima

16 jun 2025 . Actualizado á 16:45 h.

Un home duns 50 anos e veciño da localidade lucense de Castro de Rei morreu nun accidente de tráfico ocorrido sobre as tres da tarde deste luns no municipio de Oza-Cesuras. O home faleceu de xeito fulminante cando, segundo informaron desde os equipos de emerxencias, todo apunta a que unha «pick-up», rotulada por unha empresa forestal de Oroso, saltou un stop e chocou lateralmente contra o turismo no que viaxaba a vítima, que tivo que ser liberada polos bombeiros de Betanzos desprazados ao lugar. Os ocupantes da furgoneta, dous homes, resultaron feridos de diversa consideración e un deles tivo que ser trasladado  ao Chuac no helicóptero medicalizado con base o Ourense. Segundo fontes sanitarias, as feridas do outro ocupante da pick-up apenas revestían gravidade.

O accidente produciuse no lugar de Rodeiro, no quilómetro 6,5 da AC-230 (estrada que une Montesalgueiro con Curtis), no cruzamento coa DP-3203 (conecta as parroquias de Burricios e Pena de Martín, en Oza-Cesuras), unha zona na que xa se produciron varios accidentes de tráfico. 

O 112 recibiu minutos despois das tres da tarde a chamada dun  dos implicados no accidente alertando da  gravidade do mesmo. Media hora despois a central de Emerxencias Galicia confirmou a morte no sinistro. 

Ata o lugar dos feitos desprazáronse membros do GES de Curtis, os bombeiros de Betanzos e varias patrullas da Garda Civil, ademais dos equipos sanitarios.