Nestas primeiras de setembro, os alumnos do colexio da Milagrosa que cumprimos 50 anos andamos de aniversario e decidimos xuntarnos por vez primeira desde que deixamos atrás as xeórxicas campiñas de Oleiros
09 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nestas primeiras de setembro, os alumnos do colexio da Milagrosa que cumprimos 50 anos andamos de aniversario e decidimos xuntarnos por vez primeira desde que deixamos atrás as xeórxicas campiñas de Oleiros. Isto dos encontros de antigos alumnos teñen, como as ceas de Nadal, os seus partidarios e os seus detractores, pero son destas cousas que hai que probar como mínimo unha vez na vida.
Aínda sen sermos conscientes, coincidimos coa recente partida da comunidade de monxas do Divino Carmelo, e é difícil non sospeitar que a nosa chegada e a súa marcha son dúas caras da mesma moeda: a dunha sociedade que queda sen relixiosas e a dun grupo de xente de 50 anos que afronta unha nova etapa da madurez, como se os 50 anos fose un momento máis de recoller que de sementar.
Con todo, houbo algo que me deixou impresionado. Non vía á maior parte da xente desde había 37 anos, e de aquela tiñamos uns escasos 13. Algúns non cambiaran moito fisicamente, pero outros si, e tíñanme despistado. Pero comezaron a camiñar, a mover as mans, a dicir algunha arroutada, a mirar dun xeito particular e velaí estaban todos eles!
En que parte da memoria gardaba eu todo iso? Porque un día antes, se me tiveran pedido que os describira, nunca repararía nos xestos ou nun xeito determinado de poñer o corpo. Iso lévame a pensar que as persoas deixan en nós máis información —e polo tanto, máis pegada— do que pensamos. Un par de viños despois de reencontrarnos xa estaba totalmente convencido.