Bastiagueiro xa ten a súa cúpula tras dous intentos

Pauli González / C. D. OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

Os operarios traballaron desde as once da mañá, pero tiveron que pospor a súa colocación á tarde cando por fin lograron instalar a estrutura de aceiro de 1.450 metros cadrados

17 nov 2025 . Actualizado á 16:52 h.

Foron moitos os veciños que onte se achegaron ata Bastiagueiro para ver a colocación da gran cúpula do futuro centro multiusos. «Non todos os días se ve algo así», apuntou un dos residentes no programa Voces da Coruña de Radio Voz. Entre moita expectación e co esforzo dos operarios, a estrutura quedou instalada pola tarde. A previsión era colocala pola mañá, pero non puido ser. O motivo foi a dificultade de levantar o lado esquerdo dunha superficie de 1.450 metros cadrados, 135 metros de perímetro e 41,5 metros de diámetro.

Os labores para levantar a cúpula, ensamblada no interior do propio recinto con cimbras de aceiro, comezaron á as once da mañá. Para realizar a operación trasladouse á zona un guindastre especial cunha capacidade de carga de 750 toneladas. A pesar dos numerosos intentos matutinos, a estrutura resistiuse, xa que non conseguían equilibrar os dous lados para izala.

Antes a problemática os traballadores botaron man doutro guindastre de menores dimensións, pero nin así puideron equilibrar a estrutura para izala polo que volveron citarse ás 15.45 horas no lugar.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, supervisou desde a mañá o operativo da bóveda que xa preside o futuro espazo multiusos. «Esto é para o pobo, para todo tipo de actos, congresos, concertos, convencións... Ademais de que a grada que vedes irá outra que se retira e queda aforo de 4.000 persoas. É unha instalación moi esperada pro nós e moi boicoteada porque íase facer xa fai 25 anos», apuntou o rexedor antes da instalación da pesada estrutura.

Un espazo moi agardado

Entre os veciños que se congregaron pola mañá na zona do aparcadoiro de Bastiagueiro para ver a subida da cúpula, un subliñou que a construción do espazo multiusos é unha medida moi agardada polos residentes na zona. «Hoxe en días as obras van rápido así que agardamos poder desfrutala en verán», apuntou nos micrófonos de Voces da Coruña. Con todo o alcalde aclarou que o espazo non se abrirá ao público ata dentro dun ano. O alcalde explicou que aínda que a obra principal está xa feita, falta completar a instalación cos teitos e demais estruturas.

O futuro centro multiusos permitirá ademais acoller diferentes disciplinas deportivas. «Un epicentro cultural situado a uns 20 minutos camiñando desde o alto de Perillo, desde Santa Cristina e desde Santa Cruz, unha equidistancia desde a que achegarse a algunha das súas múltiples salas para eventos ou ao espazo central, cun número de asentos variable e adaptable en función da demanda», describen desde o Concello o futuro espazo.

O arquitecto encargado do seu deseño, Fernando Martínez, defíneo como «un edificio flexible, capaz de albergar distintos usos, onde cada apertura converte o natural en escenario e o cotián en experiencia. Unha lembranza de que a arquitectura pode ser soporte, limiar e horizonte… todo ao mesmo tempo».