
Os veciños do Couto pasaron do ruído mediático ao silencio máis absoluto nos últimos meses. «Fixemos de todo e non serviu de nada»
13 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.Hai loitas colectivas que se desvanecen co tempo. Veciños aos que se lles racha o tesón a base de darse de golpes contra as paredes institucionais. Hai reivindicacións que acaban en derrota, en sensación de tempo perdido, en toalla arrichada ao chan. Os veciños do Couto, en Oleiros, só querían un paso de peóns, unha conexión peonil para non xogarse a vida entre tanto coche. Durante dous anos organizáronse todos os luns para protestar cando chegaba o bus escolar. Falaron co Concello, coa Xunta, acurralaron ao propio Feijoo nun mitin, ao deputado socialista Patxi López, promocionáronse nos medios de comunicación con regularidade, falouse deles no Parlamento de Galicia, celebraron un funeral ficticio por Entroido. Fixeron de todo. Só querían un paso de peóns. Pero fracasaron.
O tempo esnaquizou as pancartas de tea que se queixaban á Xunta, titular da vía, e do Concello. Hoxe queda unha amarela de plástico, un vestixio dunha loita que dan por acabada e que lembra que «O Couto segue sen paso de peóns».
«Seguimos igual, cada vez hai máis nenos, de 3 e 4 anos na parada do bus, pero seguimos correndo o mesmo risco para cruzar. Os coches pasan a unha velocidade incrible», apunta Guadalupe Concepción, o portavoz deste movemento veciñal durante os dous anos de loita. Fala de Bastiagueiro con envexa. «Alí puxeron pasos, ilumináronos, é unha estrada como a nosa, pero aquí séguennos esquecendo», engade antes de relatar escenas do día a día, con coches que van a velocidades ilegais ou nais que non saben canto tempo agardar para cruzar co seu carriño de bebé este tramo da AC-173. «Xa non hai mobilizacións, todo acougou. Chegamos onde puidemos», di.
As últimas rabexadas que deron foi a través dos partidos da oposición de Oleiros, especialmente o PSOE. «Pero nos últimos plenos xa nin lles deixaron debater a moción sobre os nosos pasos de peóns», lamenta.
Durante dous anos víronse como unha pelota de tenis entre o Concello e a Xunta. A Administración autonómica foi dando bandazos sobre este tramo. Primeiro argumentou a imposibilidade de situar pasos debido ás características da vía. Despois considerouno tramo urbano. E, para rematar, ofreceu ao Concello que o asumise para posteriormente executar as obras necesarias.
Pero, lonxe de entenderse, O Couto foi un argumento de guerra entre as Administracións. O Concello chegou a deseñar uns carteis que simulaban o atropelo neste punto da entón conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. A Xustiza obrigou ao Concello para retiralas. No medio, sucedíanse accidentes de verdade, con persoas feridas, atropelos de xabarís...
Pero o paso de peóns nunca chegou a debuxarse. «Cremos que a oferta da Xunta non era tan difícil de aceptar, que o Concello de Oleiros asumise ese tramo e logo construirían o paso e as condicións de seguridade. Estamos no municipio máis rico de Galicia e non se pode asumir este anaco de vía?», pregúntase Guadalupe.
—Acabouse?
—Acabouse. Dous anos estivemos. É unha poboación pequena e a xente remata cansándose de tanta medida. Fomos á Xunta, expómolo, recollemos firmas, chegamos ao propio Feijoo, fixemos todo o posible para visibilizar o problema e conseguir axuda pero non o conseguimos. Botamos toda a carne no asador. Temos a sensación de derrota. A Administración pasounos o rodete por amais. Aquí non hai solución. Esta estrada pártenos en dúas.
Ademais, as últimas urbanizacións inauguradas en Mera fixeron incrementar o tráfico no Couto. «E van a máis velocidade. Non, non seguimos igual, estamos peor».