O partido solidario logra 3.300 euros para rehabilitar a vivenda incendiada en Miño

La Voz MIÑO / LA VOZ

MIÑO

C.M.

O alcalde agradeceu o respaldo dos veciños á iniciativa

23 nov 2023 . Actualizado á 05:00 h.

A concelleira de Servizos Sociais miñés, Yolanda Bello, e o vicepresidente da AD Miño, Alberto López Vázquez, depositaron este mércores 3.325 euros na conta aberta polo Concello para centralizar os donativos para a rehabilitación da casa de Sombreu afectada por un incendio o ano pasado.

Esta recadación foi posible polas máis de 400 persoas que asistiron o martes ao partido entre a AD Miño e a Selección Galega, que finalizou cun resultado de 0-2 a favor do combinado autonómico.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, o delegado federativo en Ferrol, Abraham Yáñez, e o vicepresidente da AD Miño, Alberto López Vázquez, asistiron ao encontro. No descanso realizáronse varios sorteos entre os que se atopaba unha gran cesta de produtos e unha camiseta da Selección Galega. Vázquez Faraldo agradeceu «aos veciños de Miño que estiveron en Gallamonde, e aos que non puideron ir pero mercaron entradas e rifas, a solidariedade que amosan, unha vez máis, con esta familia», indicou, respecto aos veciños que quedaron sen vivenda, xa que non tiñan seguro, e aos que o Concello lles facilitou o traslado a pisos de emerxencia social.

«Miño é un pobo unido, de boa xente, e isto é unha mostra máis», destacou o rexedor.