Cárcere e 7,7 millóns de multa para un empresario de Culleredo por non devolver unha axuda pública de 5 millóns

La Voz A CORUÑA

CULLEREDO

Audiencia Provincial de A Coruña
Audiencia Provincial da Coruña CESAR QUIAN

O condenado era administrador único da firma, que obtivo o préstamo para financiar un proxecto de enxeñería que non chegou a desenvolver

31 jul 2025 . Actualizado á 14:23 h.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou, como autor dun delito de insolvencia punible agravado pola contía e a titularidade pública dos créditos insatisfeitos, á pena de prisión de catro anos ao administrador único dunha empresa domiciliada en Culleredo. En concepto de responsabilidade civil, imponlle o pago dunha indemnización á Axencia Tributaria de 7.709.298 euros; e á Tesourería Xeral da Seguridade Social, de 336.143 euros, incrementadas cos intereses legais e con incorporación dese crédito á masa do concurso de acredores. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O condenado era administrador único dunha mercantil que operou entre os anos 2010 e 2018 nunha  nave situada no parque empresarial de Alvedro. En decembro de 2016, o Xulgado do Mercantil 2 da Coruña declarou a firma en concurso necesario despois da que emprea non fixese fronte ás responsabilidades adquiridas pola obtención, en outubro do 2011, dunha axuda pública mediante o outorgamento dun préstamo reintegrable de 5.000.000 de euros destinado a financiar un proxecto de enxeñería. Segundo a sentenza, «a entidade incumpriu as condicións da entrega, ao reintegrar tan só unha pequena parte dos intereses devindicados nos anos 2012 e 2013 e non realizar actividade algunha para a que se concedeu». Por tal causa, o préstamo foi resolvido mediante acordo de data 8 de febreiro de 2016. 

Os maxistrados sinalan que a mercantil cesou na súa actividade efectiva e deixou de atender os seus pagos desde polo menos o exercicio do 2014, última data na que legalizou os seus libros e na que «xa presentaba uns ingresos moi inferiores aos  seus gastos de persoal e ás súas débedas a curto e a longo prazo». «A pesar de ser coñecedor desta situación o acusado, na súa condición de administrador único da sociedade, omitiu as súas máis elementais deberes de control administrativo e contable desde polo menos o exercicio de 2015», agrega o fallo. Ademais, desde esa data e ata a declaración de concurso a finais do 2016, o administrador único non depositou as contas no Rexistro Mercantil, nin elaborou documento de contabilidade ou organización desde o 2015. «Esta actuación impediu que os seus acredores dispuxesen duns mínimos coñecementos sobre a situación económica real da empresa», sinala a sentenza.

O 28 de setembro do 2018 o Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña ditou sentenza na peza de cualificación do procedemento concursal, na que declarou culpable o concurso da empresa por incumprir o seu deber de colaborar coa administración e por falta de formulación de contas anuais. Na mesma resolución declarouse á administrador  persoa afectada por esa declaración, e inhabilitóuselle para administrar bienes alleos, pero sen facerlle responsable da cobertura do déficit concursal. Dito xulgado, no auto 19/2021, decretou a conclusión do concurso por insuficiencia da  masa activa e a extinción da sociedade. 

A Audiencia Provincial considera agora responsable ao administrador dun delio de insolvencia punible agravado pola contía e a titularidade pública dos créditos.