Xosé Antonio Touriñan, humorista: «Nun día enchimos dúas veces unha carpa na que cabían 3.000 persoas»
A CORUÑA

O coruñés celebra unha década de éxito do festival que celebra na súa aldea en Culleredo, o Castelo Conta
04 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Quen ten unha aldea ten un tesouro, e senón que llo digan ó humorista Xosé Antonio Touriñán (Castelo, 1980). Cunha proposta chea de actividades, música e sobre todo moito humor, o lugar no que naceu, e no que vive actualmente, celebra do 22 ao 31 de agosto a 10.ª edición do festival Castelo Conta.
—Como nace esta iniciativa?
—Castelo é unha aldea que, ao igual que as demais, ten festas con verbena, orquestras... pero un dos anos saíron regular. Foi entón cando os organizadores dixéronme: «Touri, a ver se xuntas a uns amigos e facemos unha noite de monólogos para recaudar e recuperar o diñeiro», e foi así como naceu fai xa dez anos.
—Como mudou o festival neste tempo?
—Tralo éxito da primeira edición fomos repetindo, foi medrando. Pouco a pouco cambiamos o estilo de facer as festas, sen perder as tradicionais. Co paso do tempo, Castelo Conta transformouse nun festival no que segue habendo orquestras, pero tamén hai concertos, monólogos, teatro, campamentos para os cativos... así ata o día de hoxe, no que o cartel é un pouco unha animalada.
—Como se recibiu o festival entre os veciños?
—Había un pouco de todo, evidentemente hubo xente que nun primeiro momento prefería as festas tradicionais, pero que se foron convencendo ó ver o ambiente que se crea neses días. É certo que hoxe noto orgullo entre os veciños e vexo que están contentos coa iniciativa. Ó final o que buscabamos co Castelo Conta era achegar á aldea cousas que de normal non se ven, unha festa que teña de todo e sexa para todos.
—Cales son as actividades que se poderán atopar este ano? Hai algunha novidade?
—Aparte de que este ano temos tres días máis de festival, faremos os concertos e as actividades no monte Xalo. Ademais reabriremos o bar da aldea durante agosto. Tamén recuperaremos a iniciativa da sesión vermú do ano pasado na que, de luns a venres durante a semana do Castelo Conta, dous cociñeiros prepararán cada día unha tapa ou un pincho. Incluso haberá pequenas actividades ó longo do mes: dende catas de viño, tomates ou cafés. Iremos facendo o quecemento para o festival durante todo o mes.
—Para celebrar esta década teñen planeada unha gala, en que consistirá?
—Queremos facer algo especial con comedia, festa e homenaxeando ós veciños. Buscamos facer un evento estilo os Oscars, pero sen perder o toque «choqueiro». Entregaranse premios do estilo «A veciña máis simpática» ou «O cómico que máis veu a Castelo Conta e que máis churrasco comeu». É un recoñecemento a todas as persoas que traballan e colaboran.
—Cal foi o récord de asistentes a Castelo Conta?
—A cifra que nos dixo «tedes que levantar o pé do acelerador» foi antes da pandemia, cando trouxemos unha carpa na que cabían 3.000 persoas e a enchimos dúas veces nun día. Foi excesivo, por iso agora está máis medido. O día récord probablemente sexa a noite dos monólogos, na que xuntamos ata 1.600 persoas. De maneira global, sumando tódolos días, pasan por Castelo Conta arredor de 10.000 persoas.
—As entradas para «A noite do Castelo Conta» están xa esgotadas un mes antes...
—Si, ó final é o evento co que nace o festival. A xente desfruta porque saben que as risas están prácticamente aseguradas. Empezamos sendo catro monologuistas e agora somos once, o mellor do panorama humorístico galego. Todos os convidados que veñen a primeira vez, repiten.
—Como se sinte ó ver este éxito?
—Como dicía Juan Carlos: «Me llena de orgullo y satisfacción». Pero máis alá das bromas, disfrutámolo moito e estamos moi orgullosos de todo o que pasa en Castelo.
—Algunha anécdota do festival?
—Foi moi especial cando o ano pasado estreamos un documental homenaxeando ás nais, titulado «Mulleres de Castelo». Para as protagonistas foi un momento fermoso, e para min foi máxico ver a cara de emoción da miña nai e das súas amigas.
«Eu son da aldea, vivo no rural, e son tan feliz que llo recomendaría a todo o mundo»
O organizador do Castelo Conta analiza o papel das aldeas e a importancia da cultura para evitar a perda do rural.
—Cre que as iniciativas culturais axudan a combatir a despoboación das aldeas?
—Por suposto! É importantísimo ademais fomentar, e evitar que se perda esa convivencia tan clásica das aldeas. Hai moita xente que vén ó Castelo Conta e pregunta se hai algunha casa á venda, pero si que é certo que, aínda que hai xente que está a volver, moita marchou ás cidades. Eu vivo aquí, e en canto puiden facer a miña casa tiña claro onde quería que fose. Son da aldea, vivo no rural e son tan feliz que llo recomendaría a todo o mundo.
—Que legado lle gustaría deixar con esta iniciativa?
—Non é que quera deixar un legado en concreto, creo que o obxectivo de toda a organización do Castelo Conta é a de preservar esas comunidades que se crean nas aldeas, que non se perda o de falar cos veciños, sobre todo nestes últimos anos que parece que somos máis individualistas, que estamos máis pendentes dos móbiles ou doutras cousas antes que de conversar cos demais. Tamén é importante preservar o patrimonio que nos deixan, xa non só o material, senón tamén o inmaterial como é o idioma. O importante é funcionar en comunidade.
—Que significa para vostede volver a aldea?
—O kilómetro cero é o meu lugar. Moitas veces pregúntanme: «Ti onde vas de vacacións?», e sempre respondo o mesmo: «Á miña casa», porque como no meu fogar en ningún sitio. Aínda que hai mil lugares no mundo, o meu favorito sempre será a miña aldea. En definitiva, estou orgullosísimo de ser de Castelo.