
O Concello levará a cabo un plan de acción que atenderá gradualmente as demandas veciñais das zonas afectadas
20 jun 2025 . Actualizado á 15:41 h.O Concello de Culleredo terá activos desde o luns todos os novos servizos de mantemento de zonas verdes unha vez que se completou o longo procedemento administrativo de contratación. Os lotes que quedaran desertos, o da zona rural e do Burgo, por unha banda, e o do paseo marítimo, por outro, xa teñen todo preparado para o inicio por parte da nova adxudicataria, a empresa Alvac. A empresa completou a subrogación do persoal da anterior adxudicataria, Jardincelas, que cesou a súa actividade.
Tamén se realizou a formación do persoal, capacitándoos na nova maquinaria que se adscribe á prestación municipal. Xa se organizaron os equipos de traballo para que o luns comecen os labores.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, remarcou que «a posta en marcha das novas prestacións de servizos foi unha prioridade para atender cuestións básicas do día a día dos cidadáns». Considera que o proceso é «moito máis complexo e confuso» do que desexaría, xa que houbo que superar cuestións como a falta de empresas concorrentes en dous lotes ante a incerteza da situación do persoal, recursos doutras empresas e uns tempos administrativos xa de seu longos.
O concelleiro de Servizos, Carlos Liñares, concretou coa adxudicataria un plan de acción para abarcar todas as zonas, que padeceron nos últimos meses unha falta de mantemento periódico a causa de todo este proceso. «Abordaranse de forma gradual todos os puntos afectados, dando así resposta a todas as demandas de melloras trasladadas polos veciños de urbanizacións ou núcleos», sinala Liñares.
Un apartado que o Concello engadiu aos pregos foi o referente ao mantenimiento do mobiliario urbano das zonas verdes. Propiciará a reparación de elementos como bancos, papeleiras ou peches, a súa limpeza, pintados e tratamentos de madeira, entre outras actuacións tamén moi pedidas polos cidadáns.
Así mesmo, realizará un programa de sanidade vexetal, que apostará por tratamentos fitosanitarios ante pragas cada vez máis comúns na comunidade. Será o caso do picudo vermello das palmeiras ou da procesionaria do piñeiro.
Os traballos dos lotes da zona rural, O Burgo e o paseo marítimo súmanse aos que xa funcionan en Rutis e nos hortos urbanos, neste último caso con centro especial de emprego. En total dos catro lotes, a prestación municipal abarcará 592.632 metros cadrados de zonas verdes.
O Concello tamén incluíu no contrato o mantemento dos campos de fútbol, tanto de herba natural como artificial. Dispoñen dun plan específico para contar co céspede en estado óptimo para a práctica deportiva.