






















Máis dun milleiro de persoas reivindicaron a igualdade, as conquistas sociais e a liberdade afectivo-sexual
29 jun 2025 . Actualizado á 22:09 h.O deste ano foi un Orgullo especialmente emotivo. Cumpríanse 20 anos da aprobación da lei do matrimonio igualitario, promulgada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Moitos dos manifestantes —máis dun milleiro sumáronse á marcha na Coruña, segundo a policía— quixeron ter un recordo especial para Pedro Zerolo, o falecido militante socialista que foi arquitecto entre as bambalinas deste avance social.
Os actos comezaron xa pola mañá co Orgullo do Ventorrillo e a feira A diversidade visible de entidades LGTB no Obelisco. Só era o arranque. Quedaba moito día por diante.

Demostrando unha vez máis a súa mente e brazos abertos, A Coruña acolleu aos que quixeron saír á rúa para facer o acto máis revolucionario de todos, quererse. Avanzou a comitiva desde a praza de Ourense ata María Pita, onde se mantiveron entre proclamas e celebracións durante case unha hora. A representación era en grao sumo heteroxénea. Xente de todas as idades e todos os xéneros. «Canto máis maior, máis orgulloso», reza a camiseta dun dos camiñantes.
Son infinitos os testemuños. Todas e cada unha das persoas que alí estaban tiña a súa historia particular. A súa razón para camiñar ombro con ombro co resto. Especialmente emotiva é a historia de Alp, un estudante turco que neste día acórdase do seu fogar e dos que alí o están pasando mal por ser como son. «En Turquía chegou a haber un orgullo ao que acudiron 100.000 persoas. Agora está prohibido. Realmente co tempo foi a peor. E os meus amigos trans téñeno aínda peor. Están a ser perseguidos. Hoxe saio a manifestarme por eles», narra.
Encólleselle a un o corazón ao contemplar o moito que queda por facer. O moito que hai que asfaltar. Por exemplo no ámbito da empresa. «O ano 2025 é moi importante para o avance dos nosos dereitos. É no que se están empezando a implantar moitos plans LGTBI nas empresas que serán instrumentais para o futuro. Para conseguir a non discriminación e seguir avanzando», apunta Laura García, outra das presentes.
Tamén o houbo que se estrearon. Pero coa cabeza alta. «É a primeira vez que veño a unha manifestación do orgullo. Creo que é a cara visible da loita diaria», conta a primeriza Carlota Sánchez. E é que o deste sábado é a cristalización dun camiñar que leva anos e anos bosquexándose. Paso a paso. Ás veces transitando camiños sen asfaltar e enfrontando ventos que parecían furacáns. Pero o ben triunfa e sempre atopa un oco para escapar e erixirse.
«A Lei de matrimonio igualitario é, sen dúbida, a maior conquista social do colectivo LGTBI no noso país. Hoxe máis que nunca defendémolo con orgullo como socialistas. Mentres outros votaban non, o PSOE fixo posible que si», apuntou León Ureña, recentemente nomeado secretario LGTBI do a agrupación coruñesa do PSOE. En María Pita non rematou o orgullo. O orgullo levan miles no peito cada día. En cada acción. Ata cando van comprar o pan ou pasear ao can. O orgullo é ser quen es.