Condenada unha empresa na Coruña por non respectar a desconexión dixital dunha traballadora durante unha baixa laboral

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Palacio de Justicia, sede del TSXG, en A Coruña
Palacio de Xustiza, sede do TSXG, na Coruña EDUARDO

O TSXG considera que a compaña, que deberá indemnizala con 1.500 euros, atentou contra a súa integridade moral, pero rexeita que vulnerase o seu dereito á honra e á integridade física

26 jun 2025 . Actualizado á 17:52 h.

A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou na Coruña a unha empresa para indemnizar con 1.500 euros a unha traballadora que prestaba servizos en dous centros de traballo, na Coruña e Oleiros,  por recibir correos electrónicos de forma reiterada fóra do horario de traballo e estando de baixa no ano 2024. Os maxistrados do alto tribunal galego lembran que o dereito á desconexión dixital «esixe que non se reciban comunicacións da empresa fóra do tempo de traballo», polo que advirten que «non se cumpre con ese dereito polo feito de que a persoa traballadora non teña o deber de responder as comunicacións recibidas fóra do tempo de traballo de xeito máis ou menos inmediato». Así, subliñan que dito dereito «leva consigo unha obrigación por parte do empregador, e das persoas dependentes ou vinculadas, de abstención nas comunicacións de traballo laboral ou vinculadas coa prestación de servizos fóra do tempo de traballo».

 Na sentenza, o TSXG recalca que, ademais, neste caso «o dereito á desconexión dixital está vinculado co dereito fundamental á integridade moral», pois advirten que «a persoa traballadora recibiu correos electrónicos por parte de persoal da empresa estando en situación de incapacidade temporal». Desta forma, os xuíces indican que a empresa «non foi garante do seu dereito á desconexión dixital cando estaba fose do seu tempo de traballo, posto que o contrato estaba en suspenso pola incapacidade temporal». Ademais, engaden que, a maior abundancia, «a causa da incapacidade temporal era un trastorno de inquedanza e, por tanto, unha doenza psíquica, o cal agrava a inxerencia no dereito á integridade moral, á vista da intranquilidade que supón recibir correos da empresa durante esa situación de incapacidade temporal».

 «Esa actuación da empresa, incumprindo o deber de desconexión dixital no caso dunha traballadora en situación de incapacidade temporal, atenta contra a integridade moral, pois cousifica á persoa traballadora e atenta contra a súa dignidade, ao pretender a empresa que a traballadora estea á súa dispor en calquera momento da súa vida, incluída unha situación de incapacidade temporal, para atender ou polo menos recibir as comunicacións da empresa», conclúe o TSXG, á vez que destaca que a empresa «non probou a necesidade desas comunicacións» nin «que non fose posible adoptar medidas técnicas para evitar que a demandante recibise eses correos electrónicos, os cales non se circunscribiron ao momento inicial da incapacidade temporal». Por tanto, a Sala do Social conclúe que «se vulnerou o dereito fundamental á integridade moral da traballadora, pois recibiu correos electrónicos durante a súa incapacidade temporal sen que a empresa respectase o seu dereito á desconexión dixital».

 O TSXG acolle, en parte, o recurso presentado pola empresa, pois aínda que entende que a vulneración do dereito á integridade moral é «clara», considera que «non existen indicios da vulneración da integridade física en sentido estrito (artigo 15 CE), nin do dereito á honra (art. 18.1 CE), tamén apreciadas na instancia». Así, explica, en canto ao dereito á integridade física, que «ningunha afectación ou risco significativo consta á vista dos feitos probados» e, sobre o dereito á honra, sinala que «tampouco expresa a sentenza de instancia que existise unha ‘divulgación de calquera expresións ou feitos concernentes a unha persoa que a difamen ou fagan desmerecer na consideración allea ou que afecten negativamente á súa reputación e bo nome». A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación.