O delegado do Goberno asegura que «Galicia está mellor que hai sete anos, pero non nos conformamos»

David García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

David García

Pedro Blanco, sobre o abrazo entre Alfonso Rueda e Alfonso Villares: «Non me gustou o xesto»

09 jun 2025 . Actualizado á 11:02 h.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo balance este luns na Coruña dos seus dous anos no cargo representando o Executivo dirixido por Pedro Sánchez, «o máis progresita da historia e o mellor para Galicia». «Isto non se para, vamos a seguir coa mesma intensidade», reivindicou pondo en valor as melloras logradas a través de investimentos, dereitos ou avances en distintos ámbitos. «O mellor está por chegar, imos seguir dando pasos para que Galicia sexa un país con moito futuro», apuntou.

Blanco sinalou que os máis de 4.000 millóns de euros investidos polo Goberno en Galicia no marco do Plan de Recuperación e Resiliencia e as transferencias de fondos á Xunta e os concellos son «datos reveladores do compromiso de Pedro Sánchez co noso país». O delegado destacou accións como a regularización das pensións de acordo ao IPC, a consolidación do Ingreso Mínimo Vital e leis en igualdade, vivenda, memoria histórica ou morte digna como ningúns dos fitos nos últimos anos. A isto únese a aposta polas infraestruturas, co exemplo da «chegada real da alta velocidade».

«Somos o Goberno que chega a todas as casas de Galicia», asegurou Pedro Blanco, que indicou que «Galicia está moito mellor que hai sete anos, pero non nos conformamos». Aludiu á «lealdade instiucional e a responsabilidade» frente al «ruído que nos atrona».

O delegado do Goberno en Galicia repasou algúns asuntos de actualidade na comunidade, como a polémica ao redor da dimisión do exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, tras unha denuncia por agresión sexual que investiga a xustiza. «Non me gustou o xesto, coas informacións que din que se sabía desde febreiro fai necesario que haxa explicacións», dixo Blanco, que apuntou que o máis importante é «apoiar ás víctimas, outro tipo de xestos son equivacados».

Tamén opinou sobre a Operación Copérnico desenvolvida en Ourense a semana pasada, que se saldou con 15 detidos e 762 incautacións de droga e 143 de armas. «É un franco golpe ao tráfico de estupefacentes no ámbito do menudeo», dixo o delegado do Goberno, que tamén falou sobre os datos sobre a entrada de cocaína a través de Galicia. «O xefe superior está moi concienciado, temos que deixar traballar porque estamos no bo camiño de cortar esa entrada de cocaína ao por maior. E tamén na seguridade cidadá, que é o que pide a xente, actuar coa venta polo miúdo», indicou.

Ademais, cuestionado sobre as recentes pelexas entre grupos en Ferrol e Pontevedra, descartou a presenza de bandas en Galicia. «Non teñen conexión, non quero que haxa esa sensación de que existen bandas organizadas», dixo sobre un asunto que lles «preocupa» e polo que están «reforzando as patrullas». Mentres, sobre o suceso en Campo Lameiro (Pontevedra), no que apareceron dous corpos calcinados no interior dun vehículo, asegurou que nos próximos días contan con poder ter os resultados dos exames de ADN.

O delegado do Goberno asegurou que están a estudar a mellora dos servizos ferroviarios de Ferrol, que descartou que estea «abandoado». Finalmente, evitou pronunciarse sobre a súa posible candidatura á alcaldía de Santiago no 2027 e dixo que «temos dous anos para seguir traballando na Delegación do Goberno». «A executiva que se acaba de elexir é moi nova, con moita capacidade de traballo e de volver a situar Santiago onde lle corresponde como capital de Galicia. Cada vez que gobernou o Partido Socialista, Santiago progresou, temos un banquillo onde hai xente moi preparada, agora toca remangarse e traballar por Santiago para volver a captar esa ilusión que lle falta».