Myriam Goluboff, premio á excelencia e compromiso profesional 2025
A CORUÑA CIUDAD

Considera unha das mulleres arquitectas pioneiras de Galicia, está vinculada desde hai 35 anos á UDC e a súa carreira estivo marcada pola sensibilidade social e ambiental
12 may 2025 . Actualizado á 13:18 h.O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra o galardón concedido á arquitecta e colexiada Myriam Goluboff Scheps nos Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2025 da Unión Profesional de Galicia (UPG). Estas distincións foron entregadas o pasado sábado nun acto celebrado no Hotel Oca Puerta do Camino en Santiago ao que asistiron a representante do COAG na UPG e presidenta da Delegación de Lugo do colexio, Carmen Figueiras, acompañada pola presidenta da Delegación da Coruña do COAG, Ruth Varela.
A xunta de goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia, que propuxo esta candidatura, agradece a Myriam Goluboff, colexiada na Coruña (número 483) desde 1977, a súa dedicación á profesión como arquitecta, unha das «mulleres arquitectas pioneiras en Galicia».
Myriam Goluboff Scheps (Buenos Aires, 1935) titulouse como arquitecta pola Universidade de Buenos Aires (UBA) en 1959, co título validado en España. A súa vida profesional e docente comezou en Arxentina e continuou na Coruña en 1975 co seu marido, o tamén arquitecto Mario Soto. Con el compartiu docencia na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e o proxecto e dirección da obra do Centro de Educación de Especial ASPACE Coruña en Sada, edificio de baixo custo que utilizou elementos estruturais industriais para crear espazos funcionais e accesibles que Soto non chegou a ver rematado. Ademais desta obra, proxectaron conxuntamente outros interesantes edificios, como o Centro de Paralíticos Cerebrais de Oleiros ou os das áreas de servizo da Autoestrada AP-9.
Xa de forma individual, un modelo para piscinas descubertas de Myriam Goluboff foi seleccionado en 1995 pola Deputación da Coruña. A súa solución foi crear pequenas unidades con estrutura de madeira e coa superficie do chan e as pérgolas en madeira tratada, ademais de cerramentos con paneis de cores vivas, co fin de dar unha resposta de carácter lúdico que se adaptase ás moi diversas configuracións posibles do terreo.
No 2005 tamén resolveu a rehabilitación ambiental das Aulas de Estudo da Universidade da Coruña (UDC) nas que se evitou o problema da entrada de sol e o exceso de calor que provocaba as protestas do alumnado, cun mínimo de custo e sen instalación de aire acondicionado.
Foi ademais a creadora de Diálogos do Atlántico, unha plataforma coa que se consolidou unha rede de máis de 40 arquitectas galegas
A arquitecta chegou á docencia na ETSAC en 1982. «Exerceu unha didáctica energizante», subliña o COAG, primeiro na materia Elementos de Composición e, posteriormente, en Proxectos, ata a súa xubilación no 2005. «Os seus alumnos lémbrana escapándose polas marxes dos plans de estudos cara a asuntos naquel momento poucos transitados nas aulas como os sociais, a diversidade funcional ou os conflitos ambientais», apuntan desde a entidade. A partir de 1990 comezou a súa actividade institucional na UDC, profundando en temas de sustentabilidade, arquitectura e saúde e accesibilidade, temáticas desenvolvidas na docencia en cursos de libre elección, conferencias, congresos ou diversos másteres. A súa implicación na vida académica levou a ocupar posicións relevantes no goberno da ETSAC.
Como representante do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) na Comisión Healthy Buildings da Unión Internacional de Arquitectos (UIA), Goluboff organizou unha exposición de Arquitectura Ambiental itinerante no 2002.
Outro dos seus eixos de traballo foi o desenvolvemento de temas de accesibilidade, por exemplo a partir da súa participación na redacción do Decreto Lei de Accesibilidade de Galicia e logo na lei e nun proxecto piloto de adaptación de vivendas para a Fundación Paideia. Nesta área, Myriam Goluboff resolveu a adaptación dunha vivenda para unha persoa tetrapléxica e a rehabilitación dunha vivenda para turismo rural, totalmente accesible.
No 2002 desenvolveu unha investigación sobre a distinta percepción do espazo urbano dos nenos que van ao colexio andando e os que van en bus ou en coche, que expresaron en debuxos e respondendo a cuestionarios propostos polo seu compañeiro de equipo, o psicólogo social García Mira. Esta experiencia foi moi importante para a toma de conciencia dos problemas de desarollo dos seres humanos que xera a forma actual de organización das cidades.
Desde o 2001 desenvolveu tamén a súa faceta literaria, publicando o libro Cidades imposibles, onde ensaia, desde unha mirada íntima e crítica, os vínculos entre memoria, experiencia urbana e sensibilidade arquitectónica.
Ademais, é impulsora e coordinadora de Diálogos do Atlántico, unha plataforma coa que se consolidou unha rede de máis de 40 arquitectas galegas, xerando espazos de encontro interxeracional e pensamento sobre o territorio, a profesión e o habitar. Este traballo colectivo constitúe unha das contribucións máis relevantes á visibilidade do traballo das mulleres na arquitectura en Galicia.
A Unión Profesional de Galicia é unha asociación que representa a uns 43 colexios profesionais de ámbito galego e a 85.000 profesionais colexiados que exercen na comunidade. Nesta edición, distinguiu a traxectoria de 20 profesionais vinculados a 20 entidades colexiais galegas diferentes para recoñecer a excelencia dos colexiados que exercen ou exerceron a súa profesión en Galicia.