Cando a radio é unha festa

Antía Díaz Leal
Antía Díaz Leal CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña CIDADE

CESAR QUIAN

Oxalá puidesen os oíntes coñecer a sorprendente trastienda na que imos debuxando na Radio Conta

27 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Alguén dicía fai uns días que desde dentro non somos conscientes do sorprendente que é A Radio Conta. Ocorre ás veces que normalizamos o extraordinario, e a piques de celebrar o undécimo programa desta aventura, oxalá puidesen os oíntes coñecer a sorprendente trastienda na que imos debuxando o programa, que este ano está dedicado á loita contra os trastornos da conduta alimentaria, da man de ABAC (a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña).

E aínda que os protagonistas non somos nós, os compañeiros de Radio Galega, RNE, Radio Coruña-Cadena Ser, Onda Cero, Cope, Radio Marca, InterCoruña e Radio Voz, que un grupo tan variado, saído de empresas que no día a día compiten pola atención dos oíntes, sexan capaces de sacar adiante este programa, ben merece un oco. Cada ano, nas primeiras reunións para pensar que facemos, preguntámonos como destacar precisamente o extraordinario da Radio Conta e as súas entrañas. Logo váillenos a cabeza a outras cousas e deixamos para outra ocasión esa mesa de redacción que tanto nos gustaría que os oíntes coñecesen. Como trasladar as comidas nas que pechamos entrevistas, repasamos tarefas pendentes, lembramos aos profesores da facultade, discutimos e rímonos a gargalladas? Como non é posible, o único que podemos facer é invitar a todo o mundo a achegarse a pasar a tarde connosco este sábado, día 30, de 17.00 a 20.00 horas, no Teatro Colón. A radio é unha festa, por dentro e por fóra, e se somos capaces de transmitir aos oíntes só un pouquiño desta tolemia colectiva e solidaria, será o mellor xeito de despedir o ano.