Cero en matemáticas

Antía Díaz Leal
Antía Díaz Leal CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña CIDADE

Anxo Manso

A quen lle imos botar a culpa esta vez? Os clientes aos hostaleiros? Os hostaleiros aos clientes? Todos, ao goberno que menos simpatías nos esperte?

03 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Con cada desescalada, na miña casa inauguramos a tempada do 50 %. Un deporte que vai camiño de Tokio 2021 e que consiste en detectar cantas terrazas cumpren coa porcentaxe de mesas permitido. O pasado venres ao mediodía, as sete terrazas coas que nos cruzamos camiño do colexio quedaron descualificadas na primeira fase. Nin unha tiña mesas precintadas ou as cadeiras apoiadas indicando que non se podían usar. E todas as mesas (menos unha) estaban ocupadas. A este paso, o equipo local non leva nin un diploma en Tokio nin unha medalla nunha olimpíada matemática. Na área sanitaria máis afectada de Galicia, o cero está asegurado.

Se hai algo que me gusta desta cidade é o seu amor pola rúa, por ocupar as terrazas, tomar bancos e espazos públicos en canto sae un raio de sol e a primavera ameaza con alegrarnos a vida, que falta nos fai. Pero esta vez parece que nos pasamos de freada, e que en pleno ataque de amour fou, decidimos que a felicidade é facer cola na Marina para tomar unha cana, ou ocupar un jardincillo pegados á mesa dos colegas, coma se non fose connosco, ou fumar entre dous coches, copa en man. Coma se o DOG obrigase a consumir nunha terraza abarrotada. Coma se a fatiga pandémica duns, a necesidade doutros e a delegación do control fosen as tres patas dunha patente de corso para saltarse as regras do xogo.

A quen lle imos botar a culpa esta vez? Os clientes aos hostaleiros? Os hostaleiros aos clientes? Todos, ao goberno que menos simpatías nos esperte? Podemos seguir botando balóns fóra, que no momento en que se converta en deporte olímpico, ocuparemos o podio entre todos.