María Pan na súa despedida como alcaldesa de Cambre: «Ver que os temas non saen adiante acaba por consumirte»
CAMBRE

O pleno deu conta da renuncia da rexedora. Os portavoces do PP e do PSOE presentaranse ao cargo o 21 de abril con disparidade de apoios
11 abr 2025 . Actualizado á 19:34 h.Ás 11.22 horas deste venres, María Pan deixou de ser a alcaldesa de Cambre tras apenas un ano no cargo. O pleno formalizou a súa renuncia ao posto e todo o municipio está pendente da sesión do próximo 21 de abril, da que debería saír o novo goberno local unha vez que Unión por Cambre (UxC) deu o paso ao carón. «Renuncio porque vir aquí día tras días e ver como non acaban de saír os temas adiante, acaba por consumirte. Cando non che permiten gobernar non hai outro camiño que apartarse», sinalou María Pan ao comezo do seu discurso e ante un salón de plenos onde eran maioría os seus amigos. Como o resto de portavoces políticos, tamén ela regresou ao mantra do diálogo, que a oposición lle nega e ela asegura practicar. «O que está claro é que aos que quixemos gobernar non nos deixaron. Esa unión de tres forzas como PP, PSOE e BNG en Cambre non ten máis razón de ser que un fin estrictamente político, de desgaste ao goberno», apostilou a xa exalcaldesa, flanqueada polas dúas habilitadas nacionais, coas que tivo unha tensa relación durante o seu ano de xestión. «A política mídese polas decisións de calado e a valentía que se teña para defender o interese do teu pobo, aínda que para iso implique ter que tirar para adiante con informes en contra», deslizou María Pan.
Sen saber aínda quen recollerá o bastón de mando, a exalcaldesa enumerou unha serie de deberes feitos e outros por continuar: «No que vai de mandato traballouse e queda en tramitación un PXOM, para adxudicación varias obras do POS como un paquete de arranxo de camiños en varias parroquias, a mellora da pista da ría, do parque Francisco Rodríguez, da pista A Balastreira, a pavimentación de río Gándara, a mellora do entorno da rúa Polígono así como os campamentos de educación para conciliación en períodos vacacionais».
Tamén pediu compaixón para o presuposto do 2025, tombado esta mesma semana, un documento do que pediu que se aproveitase boa parte do esforzo para a súa confección, do mesmo xeito que a Relación de Postos de Traballo (RPT), que a oposición impediu debater este mércores. E recalcou que as débedas do Concello cos bancos están liquidadas e as contas, saneadas.
«Unión por Cambre, esté donde esté a partir do pleno de elección de alcalde ou alcaldesa, seguirá demostrando a súa responsabilidade política a prol do interese xeral de Cambre como ven facendo dende que chegou á alcaldía, pero tamén fiscalizará para que todo o traballo feito non se bote por terra», sinalou antes de enumerar unha longa lista de agradecementos, na que incluíu á propia oposición polos puntos de entendemento acadado nalgúns temas. Óscar García Patiño, o seu predecesor no cargo, aplaudiuna desde os asentos do público.
«Hoxe arranca unha nova etapa en Cambre, espero que nela impere a valentía política, a toma de decisións acertadas a prol dos veciños e este salón de plenos sexa realmente o que ten que ser. Un lugar onde impere o respeto, se fale de Cambre e se defenda o interese xeral do pobo», concluíu María Pan.
Previamente, os portavoces da oposición acusárona de gobernar de costas ao diálogo e de empeorar incluso a situación deixada por García Patiño.
Agora ábrense varias posibilidades onde se antolla complicado acadar unha maioría estable de once concelleiros. O portavoz do PSOE (4 concelleiros), Diego Alcantarilla, postúlase para asumir a alcaldía, unha mensaxe que preferiu dilatalo ata a sede provincial do partido na Coruña. A agrupación local socialista xa fixo un primeiro intento de acadar a alcaldía, en xuño do 2023, cando se formaron os gobernos tras as eleccións municipais. Teórica muleta de UxC (7 edís), Alcantarilla propúxose entón como rexedor, pero sen contar cos apoios suficientes, o que dilatou varios días a formación de goberno, ata que UxC e PSOE retomaron o diálogo.
Tras a dimisión de García Patiño, os socialistas pasáronse á oposición despois de pedir a área de Contratación, o que se lles negou. «Por ese motivo abandonamos o goberno, e a situación empeorou sensiblemente. Como forza maioritaria dos grupos de esquerda, presentaremos a nosa candidatura», dixo nunha rolda de prensa celebrada na Coruña. «Agardamos contar cos máximos apoios posibles, intentaremos chegar a un acordo de esquerdas en Cambre». «Se non se conforma unha lista de 11 pode gobernar o partido que máis votos recibiu», sinalou Diego Fernández, secretario de Organización do PSOE provincial, quen indicou que das 27 obras adxudicadas polo Plan Único da Deputación nos últimos anos en Cambre só se licitaron tres. «Ese é o estado en que se atopa o departamento de Contratación, catro millóns de euros que poderían estar destinados a obra pública, non se pode seguir así», queixouse Fernández.
A segunda forza máis votada en Cambre é o PP (4), cuxa portavoz, Diana Piñeiro, tamén se proporá para a alcaldía, aínda que a correlación de forzas non vaticina que prospere a súa candidatura. «Pero en política todo puede pasar», indicou Piñeiro.