
UxC evita avanzar se alguén do seu grupo postularase como alcalde e a oposición critica que intente forzar uns presupostos para o sucesor
07 abr 2025 . Actualizado á 11:55 h.Este martes filtrouse a marcha da alcaldesa de Cambre, María Pan, que ela anunciou publicamente o xoves, pero a súa renuncia non se fará efectiva ata o vindeiro venres e despois haberá un prazo de dez días para convocar á corporación de novo para elixir quen se porá a cargo da alcaldía. Esa cronoloxía e o feito de que UxC, o seu partido, non aclarase, a expensas do que decida a súa asemblea, se alguén do seu grupo postularase como próximo rexedor xera suspicacias entre os tres partidos da oposición (PP, PSOE e BNG).
Tamén o que a aínda alcaldesa convocase, no medio da crise en que está sumido o Concello, un pleno o vindeiro mércores no que inclúe a súa proposta de presupostos para este ano, que o PSOE e o BNG xa adiantaron que non apoiarán e o PP afea porque non incluíron ningunha das súas propostas. Nese pleno Pan inclúe un cambio na relación de postos de traballo, da que onte pola mañá a oposición aínda non tiña o texto.
No caso de que UxC rexeite presentar candidato á alcaldía, que lle correspondería por ser a lista máis votada, cada un dos seus sete concelleiros deberá renunciar de xeito persoal e só despois correspondería á secretaria dar esa opción á segunda forza máis votada, que no caso de Cambre é o PP, liderado por Diana Piñeiro. Ante esta situación, a oposición opta pola prudencia e por non revelar as súas cartas ante o que o portavoz do BNG, Dani Carballada, cualificou de «dimisión en diferido» e mostrou a súa suspicacia porque a marcha de Pan pode, cos prazos que desde UxC marcaron, non ser firme.

Así o deixou entrever tamén este venres desde o PSOE local. O seu portavoz, Diego Alcantarilla, ofreceu unha rolda de prensa onda as outras tres concelleiras e o secretario provincial do PSdeG, Diego Fernández, na que acusou a Pan «de asumir compromisos que nunca cumpriu», citando o achegar posturas coas habilitadas nacionais ou sentar coa oposición para acadar consensos. Asegurou que durante os 13 meses a cargo do goberno, Pan mantivo unha postura de «victimismo acompañado dunha crecente arrogancia, que fixo imposible calquera achegamento» e fracturou a xestión municipal.
Alcantarilla acusou á rexedora de «falta de talante político» e dixo que «non se pode gobernar desde a imposición de criterios e menos aínda nun pleno con 21 concelleiros dos cales só 7 son de UxC». Por iso, tachou de «ousado» que acusase de bloqueo á oposición, en alusión ao argumento que deu Pan para deixar a alcaldía, pero que se negou a confirmarlles cando saltou a noticia.

Condena ao «hostigamiento que veñen sufrindo a secretaria e interventoras» cambresas
O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital) da Coruña e Pontevedra emitiu este venres un comunicado no que expresa «a súa máis firme condena ante a campaña de hostigamento que veñen sufrindo a secretaria e a interventora do Concello de Cambre, que dende hai máis dun ano son obxecto de ataques públicos e continuados polo simple feito de desempeñar o seu labor». «Esta situación é inaceptable, e atenta contra os valores de respecto e dignidade que deberían prevalecer na sociedade», indican.
Desde o colexio precisan que non poden aceptar que «se normalice o emprego de descualificacións persoais como mecanismo de intimidación». Neste sentido, apuntan que a defensa da integridade da función pública é clave para manter a confianza da cidadanía nas institucións. «Resulta preocupante a falta dunha resposta clara e contundente por parte do equipo de goberno, reflectindo unha tibieza que non ten cabida ante situacións de difamación e insulto persoal», precisan e reclaman do executivo local «ounha condena pública do sucedido, e a adopción de medidas que protexan de xeito efectivo a quen traballa en prol do servizo público».
A alcaldesa de Cambre explicou o xoves que ao Concello chegaran 14 anónimos contra as habilitadas, que trasladaran á Policía Local, pero dixo descoñecer a investigación da Garda Civil sobre unha campaña na súa contra en redes sociais. O seu antecesor no cargo, Óscar García Patiño, tamén de UxC, responsabilizara publicamente a ambas as funcionarias de complicar a súa xestión e de ser quen propiciou a súa dimisión en marzo do 2024.