Betanzos, Paderne e Oza-Cesuras poñen en marcha un servizo de atención temperá

D. V.

BETANZOS

ANA GARCIA

Atenderá a menores de seis anos con algún tipo de trastorno no desenvolvemento ou en risco de padecelo

31 oct 2022 . Actualizado ás 14:11 h.

Betanzos, Paderne e Oza-Cesuras poñen en marcha un servizo de atención temperá, o que evitará aos veciños ter que desprazarse, como ata o momento, á unidade de referencia que lles correspondía ata agora, situada no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña.

Este servizo recolle un conxunto de intervencións dirixidas á poboación de 0 a 6 anos, a súa familia e contorna, que ten por obxectivo dar resposta con rapidez ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os pequenos con trastornos de desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. O acceso require de que os servizos sociais de pediatría deriven aos nenos. Os requisitos é que non sexan maiores de 6 anos, figurar empadroado nalgún dos tres concellos e ter diagnosticado algún trastorno no desenvolvemento ou estar en risco de padecelo.

Desde o Concello de Betanzos especifícase que as solicitudes se deben presentar preferiblemente por vía electrónica no formulario dispoñible na sede electrónica www.betanzos.gal (servizos sociais) a partir do día 2 de novembro.

«A posta en marcha do servizo, ademais de facilitar a conciliación ás familias, permitirá tamén ampliar as prazas de atención coas que conta actualmente o Hospital de A Coruña, e polo tanto, reducir as esperas para iniciar as terapias, que nalgúns casos achéganse ata un ano», remarca dun servizo integrado na Rede Galega de Atención Temperá e subvencionado pola Xunta a través do FSE Galicia 2014-2020.