Investigadores buscan a familiares para poder identificar os corpos achados en fosas nos anos oitenta
27 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Bergondo recuperou, grazas á conferencia do investigador Fermín Ezkieta e de Aurora Paz, da CRMH, a historia de dous bergondeses que participaron na maior fuga dun cárcere en Europa: a protagonizada por 795 presos o 22 de maio de 1938 en Pamplona. Esta epopea, cun final dramático para a maioría, saldouse con só tres republicanos logrando acadar a fronteira, a morte de 206 dos fuxidos, entre eles o carpinteiro de 22 anos Gerardo Gómez Lorenzo e o serrador de 19 Andrés Pardo Argüeso ou Agüero, 14 execucións en agosto do 38 e numerosos apresados.
A Senra foi o espazo escollido polo Concello para dar a coñecer a evasión do forte de San Cristóbal —tamén coñecido como forte de Ezkaba—, que funcionou como prisión entre 1934 e 1945, e na que chegaron a estar 600 galegos recluídos. Era unha dos cárceres máis duros durante o período franquista e de alí escaparon case 200 galegos nunha fuxida espectacular, na que os xefes utilizaron o esperanto para evitar que o seu plan se frustrase antes de tempo.
Ese 22 de maio do 38, un grupo atacou aos funcionarios durante a cea. «O último que imaxinaban era que, nunha guarnición tan avanzada e en plena guerra, alguén puidese expor un plan de evasión», comentou Ezkieta. Relatou que en pouco tempo fixéronse co penal e 68 fusís. Abriron as portas para os 2.487 presos que albergaba este presidio e transmitiron a mensaxe, aburados polo tempo —ao saber que algún carcereiro fuxira e daría a voz de alarma—, de que había que fuxir «en grupos cara á fronteira». Puxeron a meta da liberdade a 50 quilómetros, en territorio galo.
«Prefiro morrer dun tiro no monte antes que de fame no cárcere», é unha frase que Ezkieta atribúe a un dos fuxidos, Rogelio Diz, que expresa a valentía duns homes que, segundo o investigador, estaban «moi mal calzados, moi desnutridos —matáronos de fame, literal— e desorientados». Esa foi a causa pola que moitos non se sumaron á grande evasión.
Só os castellanoleoneses Jovino Fernández, José Marinero e Valentín Lorenzo acadaron a meta tras camiñar de noite entre 10 e 13 xornadas. Chegaron a regresar á Cataluña republicana, antes de replegarse tras a derrota, ser confinados nun campo galo e vivir o resto da súa vida no exilio: un en México e dous en Francia.
Cotexo de ADN
Ezkieta, que publicou o libro Os fuxidos do forte de Ezkaba e que este mércores na Coruña expuxo en Portas Ártabras os casos doutros tres coruñeses fuxidos (Alfonso Valeiro Caramés, Pacífico Campa Santos e José Caamaño Lema), explica que realiza este tipo de charlas para localizar a familiares. Pretende, a base de visibilizar esta historia, «axitar a árbore para que caian as noces» e así buscar ADN co que comparar o dos 55 corpos de fuxidos localizados en 15 fosas nos anos 80. Foi un traballo levado a cabo polo Goberno de Navarra e a Sociedade de Ciencias Aranzadi, pero ata o momento só puideron identificar a oito. «Hai 150 que aínda non se recuperaron», lembra.
Este investigador admite que non poden asegurar que os corpos dos bergondeses estean entre eses 55, aínda que hai indicios de que poderían ser dous mozos identificados por testemuños veciñais como galegos, xa que hai outros dous presos de Teis, de idade parecida, que tamén poderían coincidir. O Concello de Esteribar colocou un monólito conmemorativo na fosa onde acharon estes corpos coa frase «Non enterraron cadáveres, enterraron sementes», de Castelao.