
O prazo de execución da obra é de 10 meses
27 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.Arteixo volve licitar a área recreativa dos Herbales do Río, en Chamín do Medio, tras modificar o proxecto. O presuposto desta execución, que se debe realizar nun prazo de dez meses, é de 535.197 euros. O proxecto desenvólvese nunha parcela de propiedade municipal, libre de edificacións fóra dun lavadoiro e que tamén alberga unha pista deportiva ao aire libre desde o 2017.
«Tendo en conta os aspectos fundamentais do anterior proxecto, o reformado pretende manter a zonificación inicial diminuíndo os movementos de terra iniciais nas sendas peonís, adaptándoas ao terreo e empregando ramplas para garantir a accesibilidade», recolle o novo proxecto, que especifica que se deixarán as marxes do regacho libres, sen sendas, e que se mantén o estanque, pero «cunha xeometría máis rigurosa». Os xogos infantís e xuvenís concéntranse nunha área para facilitar a súa accesibilidade e descartan facer unha nova pista deportiva, para evitar os grandes movementos de terra e impacto visual que xeraría unha plataforma das dimensións que antes estaban previstas. Optan por renovar o peche da pista deportiva existente e a súa marcaxe.
Ademais, está previsto que se habilite a chaira anexa á pista deportiva existente como aparcadoiro en batería, mellorando o acceso peonil á mesma, e restáurense o lavadoiro e a fonte na rúa Vos Velchos. O proxecto contempla que a zona de aparcadoiro xeral disporá dunha praza adaptada, 31 para vehículos lixeiros, cinco para motocicletas, dúas para autocaravanas e vinte prazas para bicicletas. A zona de estacionamento da rúa Vos Velchos disporá de nove prazas de aparcadoiro. Ambos os accesos estarán dotados de beirarrúas e inclúese unha zona de merendeiro cunha mesa adaptada.