Os estudantes necesitan respostas que dean solución ás longas colas que soportan a diario nas paradas.
19 sep 2026 . Actualizado á 05:00 h.Creo que non fai falta ser un gurú da mobilidade para concluír que ano tras ano temos un problema co transporte en bus aos campus de Elviña e A Zapateira e que son miles os estudantes que o sofren a diario. E non hai máis que ver as fotos das colas que se forman en Alfonso Molina para facerse unha idea do que supón.
Parece evidente que unha soa liña de bus urbano, a UDC, non pode soportar case en solitario todo o transporte ao campus, porque nela concéntranse estudantes de todos os barrios. Quizais repartindo ese peso (por exemplo, en tres liñas con itinerarios diferentes) poderían aliviarse esas colas, aínda que quizá habería que reaxustar os servizos cando non houbese clases.
Antóllase complicado meter moitos máis buses na liña. Tárdanse 5 minutos en enchelos con 100 viaxeiros e crear un tapón de vehículos nas paradas non axudaría. Pero algunha medida haberá que tomar e, de feito, o Concello asegura que os pregos do inminente concurso do bus urbano recollerán esta necesidade.
Tampouco axuda ter un apeadeiro de tren en desuso en Elviña ou que as clases matinais na UDC empecen ás nove. Creo que graduar a entrada entre as nove e as nove e media, por exemplo, aliviaría a espera nas paradas. Xa se fixo algo parecido durante a pandemia do covid.
Hai tamén quen argumenta que esiximos ao bus urbano que resolva un problema da universidade que a propia institución podería arranxar cun transporte discrecional. Un sistema de autocares lanzadeira que os estudantes axudarían a sufragar pagando un billete de prezo reducido, como abonan agora no bus urbano. Bo, son criterios, pero é evidente que os alumnos necesitan solucións xa.