Posúe unha peixaría na rúa da Torre e agora abrirá un posto no mercado de Monte Alto
14 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.É un personaxe. Ten unha peixaría na rúa da Torre e pronto abrirá un posto no renovado mercado de Monte Alto. «O máis seguro é que traspase esta e quédeme coa da praza. Tiven unha noiva peixeira que me ensinou o oficio. Ía pescar pedreses e maragotas pola mañá e, pola tarde, ela dicíame como limpalos», asegura Marcos Sendón Pereira. É un tolo das redes sociais e presume dos miles de seguidores que ten en Facebook e Instagram baixo o nome de Marc do Norte. «Púxenllo polo meu fillo de 16 anos que se chama Marc e quedaba ben. Ata me fixeron unha reportaxe en La Voz sobre nomes orixinais. Publico cousas do mar e os animais e Facebook xa me paga unha pequena cantidade. Un vídeo dun topo ou un dunha morena foron os que máis visualizacións tiveron», informa. Charlamos nunha panadería-cafetería que está enfronte da súa peixaría na rúa da Torre. Saúdano case todas as persoas que nos cruzamos pola rúa e os clientes do local. «Teño boa relación coa xente, pero non lle podes caer ben a todo o mundo», reflexiona e dálle un grolo a unha cervexa.
Fontaneiro, froiteiro...
O ano que vén cumpre os 50. O seu pai, natural da Ponte do Porto en Camariñas, e a súa nai, das Atochas coruñesas, emigraron a Inglaterra e alí naceu Marcos, que se veu para Galicia sendo un bebé. «Vivimos en varios sitios ata que me independicei e agora levo en Culleredo 11 anos e estou moi ben», apunta. O seu case medio século de vida foi intenso. Detrás desa barba branca e esas tatuaxes que cobren parte do seu corpo hai moitas historias. «Ata fun camareiro nun club de alterne da N-VI. Se pagan ben, eu vou. O primeiro negocio que montei foi unha cervexería en Vilaboa que era algo problemática, aínda que a policía só foi dúas veces que lembre. Despois abrín unha froitería na mesma zona. Probei como fontaneiro, albanel, mesonero e peixeiro o que máis. Montei ata sete peixarías nos últimos anos, a primeira en Matogrande. Arruineime tres veces e perdino todo, pero non me vai mal na vida. Cando foi a crise do 2008 tiña un mesón e daba menú do día a obreiros da zona, pero acabouse. Foi a primeira vez que me arruinei e máis adiante outras dúas veces máis. Creo que son bo comercial e son capaz de vender area no deserto, pero como xestor non son tan bo. Faríame falta alguén que me axudase», confesa.
Coas súas propias mans
Recoñece que «non podo estar quieto». De feito, a casa que teñen en Culleredo fíxoa coas súas mans aproveitando os seus coñecementos de albanelería, fontanería e demais. «Teño moitos animais e é moi bonita. Agora quero facer unhas casetas para uso vacacional», anuncia. No intre que estivemos na súa peixaría víase movemento de clientes que parecían habituais pola confianza coa que charlaban. «Na lonxa consigo bos prezos por ser boa persoa. Se te portas ben coa xente adoitan tratarte ben, aínda que sempre hai excepcións. Busco peixes a prezos razoables, se cadra non tan coñecidos. Para o Nadal noto á xente moi xusta. O que máis se vende é camarón porque é moi bo para conxelar», analiza Marcos ou Marc, como xa lle chaman moitos. De todos os produtos cos que traballa recoñece que «o lagostino é o meu vicio». No seu tempo libre gústalle pasear moito polo monte e ir ao mar «onde poder estar só. Gustaríame comprarme unha autocaravana e facer escapadas. Tiven unha Camper, pero tívena que vender unha das veces que me arruinei», asegura. De cando en vez mira o móbil para seguir os likes dos seus post e as mensaxes dos clientes e provedores. Invita á consumición e vai saudando polas mesas. Non queren que se vaia da rúa da Torre, pero pronto estará no próximo mercado de Monte Alto.