Xornada sen clase no CEIP Concepción Arenal da Coruña para denunciar a ausencia total de coidadoras

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

Alumnos del CEIP Concepción Arenal, en el patio cubierto, durante la jornada sin clase por la ausencia de cuidadoras
Alumnos do CEIP Concepción Arenal, no patio cuberto, durante a xornada sen clase pola ausencia de coidadoras Cedida

A Xunta asegura que foi «unha circunstancia excepcional» e que xa se cubriron os postos, garantindo todos os recursos necesarios

04 dic 2025 . Actualizado á 14:53 h.

O CEIP Concepción Arenal da Coruña viviu este xoves unha xornada sen clases en sinal de protesta pola ausencia total de coidadoras no centro, un servizo imprescindible para a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. A comunidade escolar denuncia que a situación se volveu insostible e reclama á consellería de Educación a cobertura inmediata das dúas prazas asignadas.

Segundo explica Manuel Crespo, profesor do centro, o conflito arrastra meses de tensión. «Estamos nunha situación moi complicada desde o inicio do curso. Levamos denunciando xa a falta de profesorado desde que comezou o ano escolar e as familias xa organizaron varias mobilizacións ao respecto, sobre todo por falta de persoal específicamente de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe», lembra.

O problema agravouse nas últimas semanas. No colexio traballan habitualmente dúas coidadoras encargadas de tarefas esenciais para o alumnado con maiores dificultades —desde cambios de cueiro ata apoio en desprazamentos, comidas ou visitas ao baño—, pero unha delas foi destinada a outro centro por decisión administrativa sen que se enviase substitución ningunha. «Non entendemos por que o fan a mediados de novembro e non se enviou unha persoa para substituíla», critica Crespo.

A situación superaba xa os límites recomendados: «Só temos unha coidadora para atender a todo o alumnado, cando a ratio máxima é de seis alumnos con necesidades específicas por cada coidadora e tiña que atender a máis de doce». Esa única profesional acabou causándose baixa «porque non podía máis».

Ao chegar este xoves ao colexio, o equipo docente comprobou que non había ningunha coidadora dispoñible. «Encontrámonos con que non hai ningunha coidadora e todo o alumnado con necesidades está agora mesmo aquí con nós», relata o profesor. O centro sacou ao alumnado ao patio e organizou servizos mínimos mentres algunhas familias acudían a recoller aos seus fillos.

Educación comunicou ao colexio que enviaría unha coidadora, pero procedente doutro centro que, segundo sinalan, tamén arrastra carencias. «É unha coidadora que estaba noutro centro onde tamén teñen necesidades», sinala Crespo, que advirte da incerteza ante a xornada do venres: «Non sabemos que vai pasar mañá… pero esiximos que cubran as dúas prazas de coidadoras que nos corresponden xa». O docente lamenta que a falta de persoal afecte directamente a menores especialmente vulnerables: «Están xogando con persoas indefensas, como son estes nenos con problemáticas asociadas a discapacidades».

A AMPA do centro prevé realizar este venres unha mobilización e acudir á Delegación Provincial de Educación para esixir solucións inmediatas.

Pola súa banda, o BNG da Coruña sostén que «o recorte dunha figura tan importante está a provocar unha importante diminución na calidade educativa e asistencial no alumnado máis necesitado, unha discriminación que a cidadanía non pode tolerar», advertiu a deputada Mercedes Queixas, motivo que lle levou a rexistrar unha proposición non de lei na que insta á Xunta a restituír de inmediato a praza eliminada «para garantir o dereito de atención educativa da totalidade do alumnado». A deputada critica que, a pesar de coñecer a situación do alumnado, a Consellería retire un servizo de atención esencial e non comunique cando se recuperará a praza, destacando que a cobertura parcial de docentes especialistas é claramente insuficiente para atender os nenos e nenas con necesidades educativas especiais.

Resposta da Xunta

Desde Educación aseguran que a situación se debeu a un encadenamiento «puntual» de circunstancias. «Non houbo nin hai ningún recorte neste colexio, que conta con dúas persoas coidadoras e así vai seguir sendo. Estes días, por unha circunstancia excepcional, tan só houbo unha dispoñible, pero xa está o tema arranxado», indican.

Segundo a Administración autonómica, a ausencia temporal do segundo posto debeuse a un proceso de funcionarización: «Debido a un proceso de funcionarización, un dos postos de coidador deste centro pasou de laboral a funcionario, e a normativa obriga manter aberto un prazo de cinco días para que os funcionarios que o desexen se presenten ao posto». Ese proceso coincidiu coa baixa médica da outra coidadora, o que levou a Educación a enviar «de xeito provisional» a unha profesional doutro centro «mentres se buscaba un substituto».

A Xunta afirma que a situación xa está resolta: «Mañá xa se incorpora a persoa substituta da persoa de baixa e o martes incorporarase o segundo coidador a dita praza». Engade que se actuou «coa máxima celeridade» e «sempre cumprindo coa legalidade vixente».

Educación defende ademais que o centro dispón de recursos suficientes para atender o seu alumnado. «O CEIP Concepción Arenal da Coruña conta con todos os recursos necesarios para atender aos seus alumnos», asegura a Consellería, que destaca que o colexio ten máis persoal do que lle correspondería por catálogo: «Este curso conta con tres docentes especialistas de Pedagoxía Terapéutica a xornada completa e outro a media xornada (cando lle corresponden únicamente dous)… Ademais, tamén ten un docente de Educación Primaria a maiores».