
A investigadora Elena Pazos, da UDC, conseguiu fondos europeos para desenvolver terapias máis seguras a partir de péptidos selectivos
16 jul 2025 . Actualizado á 10:46 h.A investigadora Elena Pazos Chantrero, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), foi seleccionada para recibir un financiamento de 150.000 euros para desenvolver un proxecto de investigación centrado no cancro de ovario. A iniciativa, denominada Peptoc, levará a cabo durante 18 meses e conta coa colaboración do investigador Juan Fafián Labora, do Grupo de Investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR) do mesmo centro.
O proxecto Peptoc está financiado a través do programa ERC Proof of Concept, unha iniciativa do Consello Europeo de Investigación (European Research Council, ERC) dirixida a persoal investigador que xa conta con proxectos financiados por este organismo —como é o caso de Elena Pazos—, co obxectivo de explorar o potencial comercial e innovador dun resultado xerado durante o desenvolvemento do proxecto principal.
A investigación que se desenvolve na Coruña parte de resultados preliminares obtidos en estudos con liñas celulares, nos que se identificou unha familia de péptidos con alta selectividade, capaces de eliminar células tumorais resistentes á quimioterapia sen afectar as células sas. O obxectivo agora é validar estes achados nunha contorna biolóxica máis complexo e estudar a súa viabilidade para un desenvolvemento clínico a longo prazo.
Ciencia responsable para terapias máis seguras
O equipo investigador subliña que o proxecto se atopa nunha fase temperá de desenvolvemento. Aínda que os resultados iniciais son prometedores, é pronto para falar de aplicacións clínicas. Por iso, insisten na importancia de comunicar estes avances con rigor, evitando xerar expectativas pouco realistas.
Ademais da validación experimental, o proxecto contempla a protección intelectual dos resultados e a análise do seu potencial de transferencia a futuras aplicacións terapéuticas.
Elena Pazos Chantrero: talento galego con proxección internacional
Natural de Marín (Pontevedra), Elena Pazos é doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). A súa traxectoria investigadora inclúe estancias en centros de excelencia como o Trinity College de Dublín (Irlanda), a Universidade de Illinois e a Northwestern University, tamén en Illinois (Estados Unidos), onde traballou no desenvolvemento de nanoestructuras peptídicas para aplicacións médicas.
No 2017 incorporouse á UDC como investigadora InTalent, onde fundou o grupo QuimBio, centrado no deseño de ferramentas químicas para aplicacións biomédicas. No 2019 recibiu unha ERC Starting Grant do ERC e foi investigadora Ramón e Cajal ata este ano. Este novo proxecto consolida a súa traxectoria como referente en investigación biomédica en Galicia.

CICA-UDC: ciencia interdisciplinar ao servizo da saúde
O CICA é un centro de investigación da UDC, catalogado como centro de excelencia na Rede Cigus da Xunta de Galicia, que aposta pola colaboración entre disciplinas científicas para abordar retos complexos en biomedicina, nanociencia e contaminación, alimentación e saúde. O proxecto Peptoc é un exemplo desta filosofía, ao unir a experiencia en química biomédica do grupo QuimBio co coñecemento en bioloxía celular e modelos experimentais do grupo TCMR, liderado por Juan Fafián Labora, investigador Ramón e Cajal.
Esta sinerxía permite avanzar cara a solucións innovadoras cun impacto potencial na mellora da calidade de vida das persoas.