A torre de Hércules da Coruña acolle unha instalación de arte do artista MAOTIK

T. R. A CORUÑA

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

A obra «Everything flows, nothing dies» poderá verse entre o 15 de xullo e o 31 de agosto

13 jul 2025 . Actualizado á 11:52 h.

A torre de Hércules contará cunha intervención de arte xenerativa, Everything flows, nothing dies, do artista francés Mathieu Le Sourd, coñecido como MAOTIK. A obra, dispoñible do 15 de xullo  ao 31 de agosto, profunda na relación entre a funcionalidade da luz do faro como guía e a capacidade expresiva na arte contemporánea, e reflexiona sobre a condición cambiante da natureza. «Continuamos dinamizando o noso gran monumento, onde tamén teñen cabida as exposicións e iniciativas efímeras, aportando valor a todo o que xa ofrece», sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. 

A proposta, comisariada por Hito Cultura & Tecnoloxía, presentarase este martes, 15 de xullo, ás 12.00 horas, nun acto que contará cun espectáculo de danza contemporánea ao pé do monumento da man das artistas Marta e Remedios Cuba, coa música en directo de Miguel Alonso Cambrón. 

A instalación está composta por catro pantallas, situadas na Torre, nas que se proxectarán paisaxes algorítmicas a partir de datos do movemento do mar e das correntes do aire. O espectáculo visual estará acompañado con audios que evocan o son do océano e crearán deste xeito unha experiencia inmersiva para as persoas que a visiten, e unha invitación á reflexión sobre os ciclos da vida e a relación do ser humano coa natureza. 

En palabras do artista, Everything flows, nothing dies é «un recordatorio de que, aínda que as formas e os estados poden cambiar, a esencia permanece».