Estrella Galicia inaugura a súa planta de Morás, en Arteixo, coa que aspira a facturar 2.000 millóns de euros no 2030
A CORUÑA









Levantada sobre unha parcela de 47 hectáreas, tivo un investimento de 500 millóns
19 jun 2025 . Actualizado á 18:33 h.Facendo unha chiscadela a unha das súas marcas, este xoves, 19 do 06, inaugurouse a planta de Estrella Galicia no polígono de Morás, no municipio de Arteixo. A obra executouse sobre unha parcela de 47 hectáreas e un investimento que suma 270 millóns de euros e acadará os 500.
Segundo apuntou o presidente executivo, Ignacio Rivera, esta grande instalación permitirá acadar unha capacidade de 900 millóns de litros de cervexa. Respecto ás perspectivas económicas, despois de facturar preto de mil millóns de euros no 2024, Rivera prevé dobrar esta cifra no 2030. «Esta fábrica é clave para o noso presente, pero sobre todo para afrontar o futuro con garantías. A nosa estratexia de crecemento global para os próximos anos require que multipliquemos a nosa capacidade, a nosa flexibilidade, a nosa diferenciación e a nosa eficiencia. A planta de Morás é un paso de xigante na dirección na que queremos ir», sinalou Ignacio Rivera.
Unha vez concluídas todas as fases da nova instalación, desde a compaña avanzan que os empregos directos ascenderán aos 600 só en Morás, onde na actualidade o persoal rolda as 140 persoas. En canto a traballos indirectos, estímanse uns 10.000.
Desde o comezo das operacións, xa se realizaron nestas instalacións 800 cocimientos de cervexa e envasáronse 200 millóns de botellas en dúas liñas que traballan a un ritmo de 72.000 botellas por hora, tanto de Estrella Galicia como da marca 1906. A fábrica de Morás comezou a operar coas súas primeiras liñas hai aproximadamente un ano, completando deste xeito a produción procedente da nave da Grela.
Ignacio Rivera tamén recalcou o compromiso ambiental e de eficiencia enerxética desta nova instalación, situada xunto á autovía A-6 e moi preto do porto exterior da Coruña. Actualmente a planta é autosuficiente nun 20% da súa demanda enerxética grazas á instalación dun parque fotovoltaico dun megawatt pico. «Esta cifra irá aumentando progresivamente pola próxima construción dunha caldeira de biomasa para a produción de vapor, o emprego de biogás procedente do proceso de depuración de augas e a posta en marcha doutras fonte de enerxías verdes», sinalan fontes da compaña.
A corporación Hijos de Rivera dá así un paso máis para a súa consolidación a nivel nacional e internacional, presente en 75 países e un persoal total de 2.000 persoas. Pero sempre con Galicia como punto de orixe.
O presidente executivo lembrou o carácter familiar da empresa, que vai xa pola súa cuarta xeración. «As empresas familiares xeran o 60% do PIB en España, unha porcentaxe que en Galicia dispárase ao 85%», indicou Ignacio Rivera.
Alfonso Rueda: «Estamos facendo unha colonización silenciosa gracias a Estrella Galicia»
A inauguración convocou a numerosas autoridades de todas as Administracións. Foi o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen lle tocou pechar o momento dos discursos. Despois de encomiar a lealdade de Hijos de Rivera coa orixe e a súa dimensión transnacional, Rueda lembrou un encontro recente en Pontevedra con peregrinos alemáns. «Non sabían unha palabra de castelán, pero pronunciaban Estrella Galicia como se fosen de Arteixo ou As Pontes», indicou entre as risos cómplices do auditorio. «Estamos facendo unha colonización silenciosa a través de Estrella Galicia», concluíu.
Ademais de como alcaldesa da Coruña, Inés Rey tamén acudiu ao acto como presidenta da empresa de Augas da Coruña, que dota de materia prima a este xigante cervexeiro. «O ano que ven cumpriranse 120 anos da historia dun emigrante de Chamoselo (As Pontes) que volveu de América e plantou a súa semente en Catro Camiños», dixo a rexedora sobre a figura de José María Rivera Corral, o fundador da saga.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinalou que a empresa «hai poucos anos que facturaba 40 millóns de euros e hoxe vai por máis de 1.000, non ten parangón no eido empresarial. Sodes un símbolo de Galicia».
O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, tomou a vez para lembrar a complicidade de Hijos de Rivera co municipio onde se inaugurou a segunda fábrica. «Xunta e Concello puxemos todas as facilidades para que se puidese implantar aquí. Esta nova planta é un exemplo do uso da tecnoloxía punta para manter a tradición», sinalou o alcalde, quen tivo un recordo para os seus numerosos veciños que traballaron en Estrella Galicia.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, sinalo que a firma de Hijos de Rivera «é un exemplo de como unha empresa familiar se pode consolidar desde A Coruña en todo o mundo, combinando historia, innovación e compromiso con Galicia». «Non hai mellor estrela que a que guía esta empresa, así que a seguir tirando cañas por moitos anos», concluíu.