
No mercado de San agustín presentouse a segunda edición da feira GastroLexítimo que terá lugar a primeira fin de semana de xullo na parroquia de Esperela de Paderne
18 jun 2025 . Actualizado á 19:03 h.«A anterior edición saíu tan ben que este ano será de dous días, o 5 e o 6 de xullo», comenta en Radio Voz o alcalde de Paderne, Sergio Platas. Este concello, cuxo slogan é «paraíso entre ríos», organiza na parroquia de Esperela a segunda edición da feira GastroLexítimo, co fantástico viño branco como centro de atracción e co apoio da Deputación. A presentación tivo lugar onte no mercado de San Agustín. «O Branco Lexítimo ten moitos motivos para presumir, pero quizais o máis destacado sexa o recoñecemento que, nos derradeiros anos, está a ter fóra das fronteiras do concello de Paderne, afianzado como o estandarte da produción vinícola con selo de calidade con epicentro en Paderne», destacan os promotores do evento. Ademais de dar a coñecer os viños da zona, a feira ten no seu programa cantidade de actividades, incluído o pregón a cargo de Paco Lodeiro e a actuación de Luar na Lubre coa súa medalla Castelao. A primeira fin de semana de xullo hai viño no paraíso.