
Para a tarde deste domingo hai unha alerta laranxa por tormentas fortes no centro e sur de Lugo
18 may 2025 . Actualizado á 16:02 h.O mes de maio está a mostrar en todo o seu esplendor os contrastes da primavera. En Galicia tivemos días moi chuviosos e outros practicamente estivais, como pasou esta fin de semana, onde as temperaturas superaron os trinta graos nalgúns puntos da comunidade. Onte viviuse unha xornada de sol e calor que os galegos aproveitaron para gozar das terrazas, a natureza e incluso da praia.
Durante a mañá deste domingo aínda poderemos gozar algo do sol, pero pola tarde, segundo informa Meteogalicia, perderemos a influencia anticiclónica debido á aproximación dunha DANA ao oeste da Comunidade. A inestabilidade atmosférica aumentará, formarase nebulosidade de evolución que dará paso a chuvascos localmente tormentosos, que serán máis activos cara á noite. De feito, a alerta laranxa activouse no centro e sur da provincia de Lugo. As temperaturas, con todo, seguirán sen cambios, ou incluso con lixeiros aumentos.. En Ourense está previsto que os termómetros suban ata os 32 graos, mentres que en Ferrol e Pontevedra chegarán aos 30. O resto de cidades rozarán este valor, aínda que o día se refrescará un pouco a medida que as choivas vaian aparecendo.
E o luns volverá ser un día marcado pola inestabilidade atmosférica. De novo haberá ceos nubrados con chuvascos e tormentas eléctricas que nalgúns puntos poden chegar a ser forte. A choiva diminuirá cara á noite, e as temperaturas sufrirán un notable descenso respecto á xornada anterior. Case dez graos menos nalgúns sitios, o que supón que na maioría das cidades estarán por baixo dos 20 graos, excepto Ourense.
A boa noticia é que a partir do martes está previsto que Galicia recupere a influencia anticiclónica, polo que a probabilidade de precipitacións será moi baixa, aínda que, iso si, teremos un réxime de ventos do norte que deixará temperaturas que serán algo baixas para a época do ano no terzo norte e máis cálidas no resto da comunidade.
Non se acadarán as temperaturas máximas destes días anteriores, e as noites seguirán sendo frías. Na Coruña, por exemplo, apenas se acadarán os 20 graos e no sur tampouco pasarán dos 23.