Culleredo pide á Xunta que manteña a rotonda da AC-523 en Ledoño para garantir a seguridade viaria

La Voz CULLEREDO

A CORUÑA

C.C.

O alcalde solicitou unha reunión con Infraestruturas e encarga un estudo técnico para manter a glorieta e crear dous pasos peonís que conecten Rumbo e Ledoño

15 may 2025 . Actualizado á 18:07 h.

O goberno local de Culleredo solicitará á Xunta que manteña a rotonda da AC-523, que comunica Ledoño con A-6 e Cerceda, para mellorar a seguridade peonil na contorna.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, reuniuse este xoves cos veciños afectados por a reforma do vial que dará acceso á parcela do novo colexio da Coruña British International School e que prevé eliminar a rotonda que une Rumbo e Ledoño, «conexión pola que moitos veciños transitan a pé pondo en risco as súas vidas», recoñecen desde o consistorio.

O alcalde coincide cos veciños en que manter esa rotonda aumentaría a seguridade viaria, xa que reduciría a velocidade de vehículos de mercancías e turismos que transcorren polo vial que une o Concello de Cerceda e a A-6 e aos que se suman os que acceden ao polígono industrial de Ledoño. Para aumentar a seguridade viaria neste trazado, prevendo as obras de acceso ao novo colexio, o alcalde solicitou unha reunión coa Consellería de Infraestruturas e deu orde aos técnicos municipais de estudar tecnicamente a proposta dos veciños, que consistiría en manter esta rotonda e na creación de dous pasos peonís que poidan garantir o cruzamento peonil da AC-523.

O alcalde insistiu en que os técnicos deben avaliar agora tanto técnica como xuridicamente estas peticións para trasladar as alternativss á Administración autonómica. «Primeiro queremos saber se tecnicamente é viable manter esta rotonda que creemos dará maior seguridade tras as obras na AC-523 e, do mesmo xeito, coñecer se é viable a construción de dous pasos de peóns que eviten que os veciños crucen este vial á súa sorte», indicou Rioboo.

O alcalde sostén tamén que é necesario un estudo por parte da Xunta sobre a creación de senllas seguras na contorna da estrada AC-523. «No proxecto de acceso ao novo colexio non se prevé a creación de senllas seguras e tendo en conta que se tratará da contorna dun centro escolar o conveniente sería abordar esta necesidade», apuntou.

Rioboo reclamará tamén melloras na AC-400, que atravesa Celas, xa que o pavimento está deteriorado.