Mar de inverno na primavera

Antía Díaz Leal
Antía Díaz Leal CRÓNICAS CORUÑESAS

A CORUÑA

CESAR QUIAN

Non hai nada máis terapéutico que o primeiro mergullo do ano, aínda que fose o aire estea xeado e ameazar choiva

14 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Dicía Sandra Faginas, despois do apagamento, que aos coruñeses nos cura a praia. De pé, na beira de Bastiagueiro, acordeime da súa crónica mentres trataba de non morrer de hipotermia o domingo pola mañá. Acordeime tamén dos pais e nais que soportan as mañás xeadas de partido de fútbol das súas criaturas nos campos da Torre. Unha, que agradece que á súa retaco particular o fútbol non lle chiste nin un pouquiño, nunca se imaxina que se apunta ao neno a surf, vai tocar pasar frío igual. En realidade, unha non imaxínase que a estas altura de maio a primavera estaría hibernando aínda.

Pero non pode ser igual o partido na Torre que esta mañá de surf en Bastiagueiro. Aquí o mar trata de mollarnos os pés cada pouco, mentres sobe a marea, e o vento enreda o pelo e empápanse os vaqueiros e a area vaise pegando nas mans cada vez que as sacas dos petos.

Os nenos baixaron á praia cos seus neoprenos, nerviosísimos, cargando as táboas de dúas en dúas. Tan pequenos e tan maiores ao mesmo tempo, lánzanse á auga a unha orde dos monitores dA Vella Escola, que se sumou á AMPA do cole para meter aos nenos no mar. E empeza a festa: tiran da táboa, agárranse con forza impulsados pola onda, ningún intenta porse en pé, ningunha o consegue, rematan na area e volta a empezar. O sorriso de orella a orella do retaco cada vez que chega á beira non ten prezo, e vale cada golpe de vento frío.

Mágoa que non levásemos bañador os maiores: a praia sándanos, sempre, pero non hai nada máis terapéutico que o primeiro mergullo do ano, aínda que fose o aire estea xeado e ameazar choiva. Bendito Atlántico, que sorte a nosa.