La Voz de Galicia
Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

A Fundación Amancio Ortega e a Xunta abrirán a nova residencia pública de maiores da Coruña a finais de ano

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

É o cuarto centro que entra en funcionamento, dos sete que financiará o fundador de Inditex, e ofrece 150 prazas a prezos inferiores a 1.000 euros

15 may 2025 . Actualizado á 08:34 h.

Ximnasio, barbería, farmacia, sala de curas, tres cuartos de hospitalización, servizos de médico, podólogo e fisioterapeuta, un comedor panorámico con extraordinarias vistas sobre a ría, unha «arquitectura da calma» e coidadas edicións de poemarios de Rilke, Olga Novo ou Pessoa salpicadas polos cuartos chamaron a atención onte dos asistentes á presentación da residencia pública de maiores da Coruña financiada pola Fundación Amancio Ortega (FAO).

O centro, que custou 32 millóns de euros e pon ao dispor das familias 150 prazas a prezos inferiores a 1.000 euros, é o cuarto dos sete que financiará a fundación nas cidades galegas para incorporar á rede da Xunta. En Lugo e Santiago xa están en funcionamento; en Pontevedra, segundo o presidente, Alfonso Rueda, abrirá «o mes que vén»; a de Ferrol atópase «moi avanzada», e Ourense acaba de iniciar a obra. «A ver se somos capaces, e non é nin pola Xunta nin pola Fundación, de facer a residencia de Vigo, que completaría ese compromiso cumprido en tempo e prazo, e con este resultado magnífico, da Fundación Amancio Ortega», apuntou Rueda.

12.000 metros cadrados

Finais de ano é o prazo que manexan para abrir as portas aos primeiros usuarios da residencia, unha arquitectura senlleira de 12.000 metros cadrados, repartidos en baixo e tres plantas, levantada sobre un outeiro privilexiado do barrio de Eirís e proxectada polo estudo de Elsa Urquijo, arquitecta de cabeceira de Inditex. «Pola súa localización e polo estilo arquitectónico, vai constituír un elemento importante da armazón urbano da nosa cidade», suxeriu o vicepresidente segundo da Fundación, José Arnau, acompañado no acto pola presidenta, Flora Pérez Marcote.

Trátase do terceiro edificio que custea Amancio Ortega na Coruña, despois do complexo de Pai Rubinos, que comprende unha residencia de maiores, un albergue de transeúntes e un parque en San Pedro de Visma, e a escola infantil da Sardiñeira. «Con outras cousas que fixemos na cidade, como a clínica de radioterapia ou as colaboracións coa Fundación Novoa Santos para equipos de adestramento dos médicos, ao final levamos un investimento de case 80 millóns de euros», precisou José Arnau, antes de sumar investimentos en municipios da área metropolitana que elevan os fondos achegados pola multinacional a máis de 115 millóns de euros.

Xestión a concurso

O Goberno autonómico, que adquiriu a parcela por 2 millóns de euros, sacou a concurso a xestión, cuxa titularidade podería non ser privada á luz do número de institucións sociais que presentaron ofertas. Catorce empresas e entidades, segundo adiantaron desde a Consellería de Política Social, acudiron á licitación, a que máis propostas económicas recibiu das residencias en funcionamento.

«É o que eu chamo política útil», celebrou a alcaldesa, a socialista Inés Rey, dunha aposta pola cooperación público-privada que entrega «un exemplo de sensibilidade na arquitectura» e do que aflora «cando nos poñemos a traballar polas persoas, cando as Administracións son quen de chegar a acordos en beneficio de todos e, sobre todo, cando hai institucións tan comprometidas coa sociedade como a Fundación [Amancio Ortega]», afirmou Rey.

O 26% da poboación de Galicia supera os 65 anos. «A esperanza de vida aumenta e temos que seguir avanzando nunha sociedade máis igualitaria, máis solidaria, que coida e respecta», observou a alcaldesa.

Alfonso Rueda abundou en «a loita contra a soidade non desexada, un mal silencioso do noso tempo, que ameaza a moita xente, a miles e miles de persoas que están vivindo soas e non queren vivir así», expuxo o presidente da Xunta, que apelou á responsabilidade colectiva. «É labor de todos —remarcó—, se só depende das Administracións loitar contra esa soidade non desexada, probablemente non cumpriremos todos os obxectivos».

A de Pontevedra abrirá en xuño, mentres que na de Vigo aínda non empezou a obra

O 13 de setembro do 2019, a Fundación Amancio Ortega asinou un convenio coa Xunta para crear sete centros residenciais públicos nas sete cidades cun investimento estimado de 180 millóns de euros que asume a fundación. Todas teñen 120 prazas, salvo as da Coruña e Vigo, que contarán con 150. A primeira en entrar en funcionamento foi a de Santiago, á que seguiu a de Lugo. A seguinte será a de Pontevedra. A Consellería de Política Social e Igualdade adxudicará o servizo nos próximos días, polo que podería acoller aos primeiros residentes a mediados de xuño, á espera tamén de que o Concello dea a licenza de primeira ocupación. A da Coruña recibirá aos seus residentes a finais de ano.

Na de Vigo, que se situará nun espazo da antiga ETEA, no barrio de Meis, aínda non empezaron as obras por atrasos coa concesión dos terreos. «Agardamos poder asinar canto antes o convenio con Zona Franca e Concello para a urbanización do PS-1, cunha achega da Xunta de cando menos nove millóns de euros», apuntan desde o Goberno galego. De momento, a parcela onde se situará o edificio aínda non se desbloqueou. É a que leva un maior atraso. A de Ourense tamén tivo que superar numerosos obstáculos e trámites de todo tipo, incluído o desaloxo de dous okupas da caseta dun transformador eléctrico, aínda que as obras se iniciaron en novembro pasado.

Na de Ferrol as obras están avanzadas e agarda que se entreguen despois de verán.