Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.
La Voz de Galicia
Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

Gran xornada de solidariedade na Coruña para loita contra o cancro

F. Molezún A CORUÑA

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Na última edición do peditorio lográronse recadar 3,3 millóns de euros a nivel nacional, cifra que agardan superar este ano

08 may 2025 . Actualizado á 13:07 h.

A Coruña envórcase este xoves coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) nunha xornada marcada polo despregamento de voluntariado e a solidariedade cidadá. Coincidindo co día de peditorio anual, decenas de mesas informativas e de recadación encheron as rúas principais da cidade, desde a rúa Real ata a praza de Galicia, pasando polo Cantón Grande, praza de Lugo, Concepción Arenal ou o mercado de San Agustín, entre moitos outros puntos.

Con máis de 70 voluntarios implicados, procedentes de hospitais, centros educativos, asociacións veciñais e empresas colaboradoras, os xa recoñecibles chalecos verdes convertéronse nunha estampa habitual durante toda a xornada. A cada paso, unha hucha en man e un sorriso servían para lembrar que a loita contra o cancro é unha causa que nos toca a todos. «Os coruñeses están a ser moi xenerosos», celebraba Gemma García, xerente provincial da AECC, quen destacaba non só a implicación da cidadanía, senón tamén a do bo tempo que acompaña a esta xornada solidaria. «É un día para estar na rúa, para escoitar á xente, e tamén para seguir recadando fondos esenciais para a investigación e o apoio a pacientes», afirmaba.

Un dos grandes obxectivos é avanzar cara a unha taxa de supervivencia do 70% no 2030, un reto que se fundamenta nos avances científicos e o compromiso colectivo. Actualmente, a taxa de supervivencia sitúase ao redor do 52% en homes e o 54% en mulleres. Na última edición do peditorio lográronse recadar 3,3 millóns de euros a nivel nacional, cifra que agardan superar este ano. Unha das voluntarias subliñou a calor humana que se vive nestas campañas: «Moitos xa nos coñecen, achéganse directamente a doar, e tamén aproveitan para contarnos as súas historias ou informarse das nosas próximas actividades, como a andaina do 8 de xuño».

Ademais das achegas nas mesas repartidas pola cidade, a AECC habilitou o código 06505 na ferramenta dixital bizum, estendendo así a campaña a toda a provincia.