




O establecemento, situado na rúa San Andrés, leva semanas chamando a atención dos fans desta froita de orixe brasileira con múltiples propiedades beneficiosas
12 abr 2025 . Actualizado á 10:22 h.Sen querelo nin buscalo, Vibra Açaí Club converteuse estes días no tema máis viral da Coruña. Luis e Uxío están detrás do primeiro establecemento especializado en bowls de açaí da cidade. O local, situado no número 126 da renovada rúa San Andrés, leva semanas chamando a atención dos fans desta froita de orixe brasileira con múltiples propiedades beneficiosas.
«Vimos o cartel e estabamos a agardar a que abrísedes», comenta un grupo de adolescentes que agardan con ganas para pedir a súa bowl con toppings. O açaí é a baga dunha froita orixinaria do Brasil que ten grandes propiedades antioxidantes. «Está considerado un súperalimento», apunta Uxío. Iso, sumado a que se serve frío, case coma se fose un xeado, faio o prato perfecto para gozar na primavera e verán, «aínda que os que son fans tómano todo o ano».
En Vibra teñen unha receita propia: «Prepáranola aquí na Coruña unha empresa que importa a pulpa e fáinola para nós. Aquí temos unha máquina que lle acaba de dar a textura e ese toque que é como de xeado», contan.
No local teñen unha carta con distintas combinacións de toppings. Cada un pode elixir o tamaño do bowl e os acompañantes (por exemplo, granola, froitas ou crema de cacahuete ou maracuxá), ou pedir ningún dos que xa deseñaron os mozos de Vibra. Pódese gozar del no local ou pedilo para levar.
«É o primeiro local de hostalería que abrimos e queriamos dar unha atención moi boa», conta Uxío, que está agradecido da acollida que tivo o local desde a súa apertura este mércores. Desde a súa estrea, polas tardes formábanse colas para probar a súa especialidade. Pero ademais da súpers froita, en Vibra tamén teñen café de especialidade dos torradores coruñeses de Panoramix, «e unha carta con tostas e uns brioches estilo coreano moi ricos que estamos seguros de que tamén van encantar».